Análise do BQ Aquaris 5.7

CAM00508

As pantallas grandes son xa un estándar nos nosos trebellos, aínda que podemos diferenciar entre smartphones e phablets. Neste último grupo poderíamos incluír aqueles dispositivos entre 5 e 7 polgadas, é dicir, o que hai entre un smartphone e unh tablet. É o caso do BQ Aquaris 5.7, o dispositivo que hoxe traemos para analizar.

Deseño, acabado e conexións

As 5,7 polgadas de pantalla fan que este dispositivo teña que ser grande de por si, aínda que detectamos que o deseño puido ter sido bastante mellor se tivesen reducido os marcos, sobre todo na parte superior e inferior do dispositivo, onde ocupan 1,5 e 2 cm respectivamente.

CAM00510

Na parte frontal atopamos, ademais da pantalla, a cámara frontal na parte superior, xunto ao altofalante, o sensor de proximidade e o LED de notificacións. A parte traseira está feita en plástico liso, onde sobresae un módulo no que se sitúa a cámara, o flash LED e o altofalante.

Os laterais axudan a reducir a sensación de tamaño ao ser curvados para adaptarse mellor ás mans ao suxeitalo. No esquerdo sitúanse aos botóns de volume e no dereito o de acendido. os únicos conectores físicos son o microUSB e o jack 3.5 de audio, ambos situados na parte superior.

Pantalla

A pantalla, como obvia o nome, é un panel IPS Full HD de 5,7 polgadas cunha resolución 1920 x 1080 (386 ppi). A relación de aspecto é 16:9 e ten un ángulo de visión de 178º. Deixando a un lado os números e pensando na experiencia, estamos ante un dos aspectos nos que máis destaca o terminal. A súa calidade e o seu tamaño son óptimos para o consumo de multimedia e desfrutar de xogos con bo gráficos e gran nitidez.

Sumado a isto, a calidade do son tamén está moi ben conseguida, polo que a experiencia neste sentido é fenemonal.

Sistema operativo

2014-01-23 18.27.12

Incorpora Android 4.2.1 – Jelly Bean, imaxinamos que actualizábel nalgún momento a versións posteriores, seguramente a Android 4.4 – KitKat directamente, sen pasar polas dúas intermedias. Non inclúe personalizacións de ningún tipo no sistema operativo, o que dunha banda é moi positivo, pero por outro botamos en falta que teña aplicacións orientadas a sacarlle partido a unha grande pantalla, algo que si vemos noutros phablets que hai no mercado.

Cámaras

2014-01-23 18.30.28

Incorpora dobre cámara, frontal e traseira. Neste senso, chama a atención a calidade da frontal, de 5 megapíxeles, coa que se consiguen fotos con calidade moi superior aos que nos teñen acostumados, aínda que lamentabelmente (e isto non é algo que se limite a este fabricante), as funcionalidades software están dispoñíbeis unicamente no sensor principal.

A cámara principal, a traseira, é de 13 megapíxeles. Con ela conséguense resultados bastante satisfactorios en case calquera situación, malia que se bota en falta o modo esférico que incluiu Android desde 4.1. A cambio temos un modo 360º, pero só nunha altura (panorámica 360, non esférica).

Deixámosvos algunhas mostras:

Batería

CAM00511

A batería é, xunto á pantalla, outro aspecto destacábel. É grande pola súa capacidade, 4000 mAh, mais tamén polo seu tamaño físico. Isto ten un aspecto negativo, pois incrementa notabelmente o peso do terminal. Porén, aporta unha autonomía que pasa do día, aínda que estemos a usar dúas tarxetas SIM a un tempo, algo que adoita consumir bastante enerxía.

Outro punto favorábel é que é extraíbel, polo que poderemos mercar unha segunda unidade (14,90 € na tenda oficial), unha solución escollida por moitos usuarios cando prevén estar sen posibilidade de achegarse a un enchufe nas súas saídas.

Conclusións

Definitivamente, o BQ Aquaris 5.7 é unha opción moi interesante para quen busca unha phablet sen querer deixarse moitos cartos. Aínda que estamos ante un terminal de gama media por prestacións e características, o seu procesador de catro núcelos a 1,5 GHz xunto aos seus 2 GB de RAM ofrécennos unha boa experiencia para a meirande parte dos usuarios.

Destaca tamén a cantidade de memoria interna dispoñíbel para o usuario (13 dos 16 GB nominais) e a posibilidade de aumentar esta capacidade a través de tarxetas microSD. Poder empregar 2 tarxetas SIM a un tempo é outra característica moi interesante para quen precise combinar unha liña persoal con outra profesional, ou como forma de aforro (por exemplo, para o roaming).

O BQ Aquaris 5.7 é unha das mellores alternativas en canto a phablets de baixo prezo; pódese adquirir na tenda oficial por 259,90 €.

Sobre o autor

Reply