Samsung, que fas coa gama media?

galaxy_s2_unpacked

Xa pasaron 3 anos desde que Samsung presentou no MWC 2011 o que podería ser considerado o primeiro gran tope de gama da familia Android, o Galaxy S II. Ao ano seguinte, o fabricante coreano sorprendeunos co seu sucesor, o Galaxy S3, que volveu a captar todas as miradas. Non pasou o mesmo co Galaxy S4, un dispositivo que lonxe de sorprender resultou non ser máis que a lóxica actualización de especificacións dos gama alta, aínda que nada destacábel para mudar de dispositivo para quen tivese un S3.

Os rumores que vimos comentando estas semanas apuntan que o Galaxy S5 que presentará Samsung o vindeiro luns en Barcelona podería volver soprender. En calquera caso, é obvio que a familia Galaxy S é marca de éxito na gama alta.

Porén, non acontece o mesmo na gama media da compañía, un segmento ao que non lle están a prestar a atención que precisa, polo volume de usuarios que a demandan. Desde hai un tempo, observamos unha tendencia que se repite, con terminais ?novidosos? que non pasan por máis dunha actualización doutro xa coñecido. Volvendo ao comezo do artigo, se comparamos o Galaxy S II, presentado en febreiro de 2011, e o Galaxy Core LTE, que vimos esta semana, apenas vemos cambios:

Galaxy SII Galaxy Core LTE
Pantalla 4,3 (860 x 480) SuperAmoled 4,5 (960 x 540) qHD PLS TFT
Procesador 1,2 GHz Dualcore 1,2 GHz Dualcore
RAM 1 GB 1 GB
Mem. Interna 16/32 GB 8 GB
Batería 1650 mAh 2100 mAh
Cámaras 8 MP / 2 MP 5 MP / VGA
Versión actualizado até JB 4.1.2 sae con JB 4.2

Na táboa anterior vemos claramente a gran similitude no hardware, que se acentúa se pensamos que pasaron 3 anos entre ambos dispositivos, independentemente da gama á que pertenzan. É dicir, estase a comercializar un terminal cuspidiño ao S II (con pequenas actualizacións, como a inclusión do LTE) como se fose unha gran novidade, cando realmente non o é.

Entendemos que as cifras son só iso, cifras, e sobre todo tras a demostración do Motorola co seu MotoX, que amosou que a optimización hardware – software pasa por ter unhas especificacións decentes (non ten que ser o máis potente do mercado), pero que se entende ben co software, dando un resultado moi atractivo.

Deixando dun lado o hardware, que como vimos de dicir non tería por que ser un problema, no que ten a ver co software vemos que o recén estreado Galaxy Core LTE non sae con Android 4.4 – KitKat, versión optimizada para consumir poucos recursos, senón que o fai con 4.2, a mesma que ten o Galaxy ACE 3 desde hai bastante tempo.

Galaxy ACE 3 LTE Galaxy Core LTE
Pantalla 4 (800 x 480) TFT 4,5 (960 x 540) qHD PLS TFT
Procesador 1 GHz Dualcore 1,2 GHz Dualcore
RAM 1 GB 1 GB
Mem. Interna 8 GB 8 GB
Batería 1800 mAh 2100 mAh
Cámaras 5 MP / VGA 5 MP / VGA
Versión Jelly Beam 4.2.2 sae con JB 4.2

As diferenzas son pouco significativas, e se as comparamos con alternativas como os Xiaomi, o Moto G e similares, Samsung queda un paso por detrás. Pode unha empresa referente en Android como Samsung non prestar máis atención a este sector de usuarios? Que opinades?

Sobre o autor

Reply