Motorola anuncia o Moto 360 (2ª xeración)

Seguimos coas novidades do IFA, e desta vez toca falar de Motorola, quen vén de presentar a segunda xeración do Moto 360, un dos primeiros reloxos con Android Wear.

moto 360 2nd - 1

A diferenza do ocorrido co primeiro modelo, desta vez haberá varias versións, que varían entre si en aspectos como o deseño, o tamaño da esfera ou os materias de fabricación, de tal xeito que resulta moito máis doado atopar o que se adapte aos nosos gustos. Por suposto, poderemos elixir diferentes correas, xa que novamente apostaron por un sistema que fai sinxelo o seu intercambio.

moto 360 2nd - 4

En canto a deseños, hai poucos cambios, máis aló de que mudan o lugar no que se atopa o botón, desde o centro a un punto un pouco máis alto, e engaden soportes máis visíbeis para as correas, de tal forma que recorda máis a un reloxo tradicional. O que non cambia é a banda negra da pantalla que evita que o reloxo teña unha esfera completa e que afea bastante (ademais de cortar a información que se amosa na pantalla, como xa comentamos cando analizamos o Moto 360 de primeira xeración).

moto 360 2nd - 2

A compañía distingue entre modelos ‘para homes’ e modelos ‘para mulleres’

  • Para homes: Moto 360L (de 46 mm de diámetro) e o Moto 360S (de 42 mm). Dispoñíbeis en negro, prata, dourado e ouro negro e correas en coiro ou de metal.
  • Para mulleres: o Moto 360 ‘feminino’ ten unha esfera de 42 mm, pero se diferenza da versión masculina en que a correa é de 16 mm. Chegará en cor prata, dourado e rosa, tamén con correas de coiro ou metal.

Ademais, existe unha versión deportiva, o Moto 360 Sport, acabado en goma e con algúns cambios de especificacións, como a presenza de GPS e unha pantalla híbrida Anylight Display, que emprega unha solución semellante á tinta electrónica para aforrar batería na rúa.
moto 360 2nd - 3 (sport)

Entre as novidades dos Moto 360 destaca Moto Body, unha completa ferramenta que fai uso de numerosos sensores que permiten controlar con máis fiabilidade o ritmo cardíaco e a nosa actividade diaria, como as calorías queimadas en actividades cotiás (subir chanzos, camiñar, correr…).

Motorola asegura ter feito cambios na batería, de tal xeito que os novos modelos acadan os dous días de uso continuado. Unha boa nova, pois este era un dos aspectos máis flouxos do primeiro modelo.

Estarán dispoñíbeis ao longo deste mesmo mes por 309 € (42 mm), 359 € (46,5 mm) e 329 € (42 mm muller). Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply