Malia que por norma xeral o verán non adoita ser un mes moi interesante en canto a novidades tecnolóxicas, este ano a cousa promete. Se xa tiñamos marcado en vermello no calendario o 2 de agosto, día que se presentará o Galaxy Note 7 de Samsung, agora sabemos que Honor ten previsto anunciar o Honor Note 8 un día antes, o 1 de agosto.
Este dispositivo, fabricado por Huawei e comercializado pola súa marca alternativa, chega para competir co Xiaomi Mi Max. Segundo se desprenden dos datos filtrados da certificación oficial, o trebello incorpora un panel de 6,6 polgadas con resolución QuadHD (2560 x 1440 píxeles), procesador de 8 núcleos a 2,5 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de memoria interna e 4400 mAh.
Malia que faitan moitos datos por descubrir, en tan só uns días coñeceremos todos os segredos deste novo smartphone que estamos certas fará as delicias das amantes dos trebellos de grandes dimensións.