Hoxe en día é raro o teléfono que chega á súa cita de presentación sen pasar antes pola mirada de focos indiscretos que o “cacen”, revelando parte ou todas as súas características. Desde hai semanas sabíamos que Samsung ten preparada a nova familia de dispositivos Galaxy A (2017) para comezos de ano. Trátase da renovación dos seus modelos de gama media, que están a funcionar bastante ben en mercados como o noso.
Un deses modelos, o Samsung Galaxy A5 2017, vén de ser descuberto, tanto no seu aspecto físico e acabados, mediante a fotografía que abre este artigo, como pola súa listaxe de especificacións ténicas, que pasamos a detallarvos.
O Galaxy A5 2017 incorpora unha pantalla de 5,2 polgadas FullHD (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior alberga un procesador Exynos 7880, de oito núcleos a 1,9 GHz. A súa RAM será de 3 GB e a memoria interna de 32 GB, unha capacidade cada vez máis necesaria para atender as demandas de almacenaxe interna de aplicacións, fotografías e outros contidos dixitais.
No aspecto fotográfico téñense dúas cámaras de 16 megapíxeles. Isto supón un importante salto cualitativo para as selfies, algo que cada vez demandamos máis as usuarias de dispositivos móbiles. O trebello tamén tería conectividade 4G e chip NFC, para poder realizar os pagos a travésde Samsung Pay.
O seu prezo será moi similar ao actual, uns 370 €, e estará dispoñíbel en varias cores: negro, rosa, dourado e azul. Con todo, haberá que agardar á información oficial cando se presente para saber se todos eles van chegar ao noso país.