Aproveitando a súa presenza no CES de Las Vegas, Acer anunciou onte á tardiña o seu novo Acer Chromebook 11 N7 (C731), un portátil que, ademais de levar ChromeOS como sistema operativo, destaca polo seu deseño robusto, cumprindo o estándar MIL-STD 810G do exército dos Estados Unidos, que certifica que o terminal soporta caídas desde 122 cm, aguanta pesos de 60 kilogramos e dispón de teclado antiverquidos.
Trátase dun modelo orientado principalmente ao uso escolar, o que se xustifica por unha banda ese esforzo en ofrecer un terminal resistente (aínda a costa de ter que sacrificar en deseño), mais tamén na ausencia de ventilador como método de refrixeración, o que permite un uso moito máis silencioso en aulas, bibliotcas ou laboratorios.
En canto a especificacións, incorpora unha pantalla de 11,6 polgadas, que pode ser táctil ou non. No caso de selo, leva un panel IPS, mentres que na versión non táctil apóstase por un panel tipo LCD. En ambos os dous casos a resolución é a mesma: 1366 x 768 píxeles.
Do resto de especificacións temos un procesador Intel Celeron N3060 de dobre núcleo a 1,6 GHz, gráficos Intel HD, 4 GB de memoria RAM e opcións de 16 e 32 GB de memoria interna. Dispón dunha cámara web HD 720p, altofalantes e micrófono integrado e conector jack 3.5 de audio.
En canto a conectividade, leva WiFi de dobre banda, Bluetooth 4.0, 2 portos USB, espazo para tarxetas microSD e saída HDMI. A súa batería achega unha autonomía de até 12 horas de uso.
Dispoñibilidade e prezo
Acer confirmou que o novo Chromebook 11 N7 chegará a Europa no mes de febreiro, cun prezo inicial de 229 €, que corresponderá coa versión máis económica (pantalla non táctil e con 16 GB de espazo interna). Haberá que agardar aínda uns días para saber que prezo terán o resto e opcións.