S-Voice xa forma parte da historia. Samsung prepara un novo asistente de voz que chegará da man do Samsung Galaxy S8; chamarase Bixby e vai moito máis aló de ser un simple asistente persoal.
Ademais de todas as funcionalidades que xa se lle presupoñen a calquera asistente persoal no móbil, como a xestión de reservas, axenda ou información de interese, Bixby destacará por outras novidades de momento únicas, das cales cabe sinalar dúas nas que a cámara xoga un papel fundamental.
- A primeira delas é a capacidade do asistente para mercar un produto fotografado pola cámara. Na actualidade hai algún asistente e tamén aplicacións que poden identificar obxectos fotogrados e onde poder mercalos, pero en ningún caso chegar a completar o proceso de compra, algo novidoso en Bixby.
- Por outro lado, o novo asistente de Samsung potenciará o uso do recoñecemento óptico de caracteres (OCR) para buscar texto, entendelo e axudar á comprensión do entorno ás usuarias.
Polo de agora pouco máis sabemos sobre este novo asistente, nin tampouco se a compañía ten previsto levalo a modelos anteriores, como os Galaxy S7 / S7 Edge ou mesmo algunha versión do Note. Agardamos que estas e outras dúbidas sobre este novo sistema poidan ser aclaradas no momento da súa presentación.