BlackBerry KEY2: segue a aposta polo teclado físico

Un dos elementos icónicos de BlackBerry desde as súas orixes é o seu teclado físico QWERTY, unha caracterítica que tamén herdaron algúns dos seus trebellos máis actuais, os que xa empregan Android como sistema operativo. Logo de que TCL, actual dono da marca, anunciase hai algo máis dun ano a KEYone, a compañía vén de presentar agora unha nova versión, a BlackBerry KEY2, que mantén o deseño anterior pero mellora sensibelmente no aspecto fotográfico e – sobre todo – na RAM.

Fuxindo das tendencias actuais de pantallas de grandes dimensións 18:9 e marcos ultradelgados, a nova BlackBerry KEY2 integra un panel de 4,5 polgadas con ratio 3:2 e resolución 1620 x 1080 píxeles (434 píxeles por polgada). No interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 660, xunto con 6 GB de memoria RAM e versións de 64 ou 128 GB de memoria interna, en ambos casos ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 256 GB.

Na parte traseira atopámonos cunha das grandes novidades desta versión, a súa cámara dobre traseira. Está formada por lentes de 12 megapíxeles e apertura de f/1.8 e f/2.6, respectivamente. Na parte dianteira apóstase por unha cámara frontal de 8 megapíxeles.

No apartado da conectividade leva Bluetooth 5.0, WiFi, LTC, e NFC, imprescindíbel para os pagos móbiles, e en canto á autonomía, esta vén dada por unha batería de 3500 mAh de capacidade con Quick Charge 3.0.

En calquera caso, o punto máis destacábel do seu deseño é a presenza do teclado físico, que non cambia moito o seu deseño, máis aló dunha pequena adaptación da situación para mellorar o seu uso e da presenza dunha nova tecla chamada “Speed Key”, que vén a ser un acceso directo para cambiar entre aplicacións e contactos desde calquera pantalla.

O sistema operativo é Android 8.1 Oreo, con pouca capa de personalización, aínda que incluíndo software de seguridade, moi na liña da historia de BlackBerry. En concreto, a KEY2 vén con DTEK, que permite ver e xestionar como as apps teñen acceso aos datos do dispositivo. Tamén se integra un escáner de arquivos para  detectar vulnerabilidades e ofrecer consellos de seguridade ás usuarias.

Para aquelas persoas que estén pensando en facerse con ela, a BlackBerry KEY2 estará dispoñíbel por 649 euros na versión de 64 GB de capacidade, un prezo un tanto elevado para un terminal destas prestacións.

Sobre o autor

Reply