Así é o novo Asus Zenfone Max Pro

Coincidindo co inicio do curso escolar moitos fabricantes aproveitan para anunciar as súas novidades en trebellos. É o caso de Asus, que vén de presentar un novo smartphone, o Asus Zenfone Max Pro. Trátase dun dispositivo que acada as 6 polgadas de pantalla e que se enmarca dentro da chamada gama “media premium”, destacando pola súa cámara dobre traseira e pola batería de alta capacidade.

Está equipado cunha pantalla de 6 polgadas con resolución Full HD+ (1080 x 2160), formato 18:9 e curvatura 2.5D. En canto á potencia, no seu interior alberga un microprocesador Qualcomm Snapdragon 636, xunto cun GPU Adreno 508, aumentando o rendemento para xogos.

Seguindo coa filosofía da serie Max, o novo dispositivo de Asus destaca pola súa batería de alta capacidade, concretametne 5000 mAh, o que ofrece unha autonomía de até 2 días a pleno rendemento. Así mesmo, incorpora unha tecnoloxía de carga que permite que esté completamente operativo en 2 horas e 42 minutos.

No aspecto multimedia temos que destacar por un lado o audio, xa que conta cun altofalante de cinco imáns conectados a un amplificador NXP que produce un nível de volume superior con menos distorsión, e por outro lado da fotografía, onde temos unha cámara traseira dobre orientada ao efecto bokeh que ademais pode gravar en 4K e unha frontal con flash softlight LED para mellorar a iluminación.

Dispón de NFC, Bluetooth 5.0, espazo para dúal SIM e a posibilidade de ampliar a súa memoria mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade. Se falamos do software, leva Android 8.1 Oreo, aínda que personalizado coa capa habitual de Asus.

Dispoñibilidade e prezo

Se estades pensando en mercar o novo Asus Zenfone Max Pro, xa está dispoñíbel en dúas cores, negro océano e prata meteorito, e se pode mercar por 249 euros.

Sobre o autor

Reply