BQ anuncia dous novos kits de robótica infantil

BQ, dentro do seu programa BQ Educación, vén de anunciar o lanzamento de dous novos kits de robótica infantil destinados ás máis pequenas da casa, os Zum Kit Junior e Zum Kit Advanced. Ambos os dous están deseñados para potenciar as competencias técnicas, creativas e emocionais a través do desenvolvemento de pequenos robots.

Zum Kit Junior

O primeiro destes kits, o Zum Kit Junior, é o destinado a que as pequenas creen os seus primeiros inventos, robots, proxectos ou xogos. Os seus compoñentes conéctanse e desconéctanse de maneira doada, e están protexidos por unha carcasa que evita os danos por golpes ou caídas.

Grazas ás cintas por contacto de peche, as pequenas poden montar as súas creacións dun xeito rápido e funcional e, unha vez creado, darlle vida con Bitbloq, a plataforma de programación por bloques gratuíta de BQ.

Este kit está orientado para as crianzas de entre 6 e 11 anos, e o seu prezo recomendado é de 109,90 €.

Zum Kit Advanced

Pola súa banda, o Zum Kit Advanced está pensado para que as mozas e mozos aprendan como funciona a tecnoloxía con electrónica 100% real.

Permite crear proxectos cos compoñentes á vista para ofrecer un mellor coñecemento da mecánica, a electrónica e o deseño. Ademais conta con tecnoloxía Bluetooth, o que permite conectar compoñentes desde un móbil ou unha tablet.

Do mesmo xeito que o Kit inicial, o modelo avanzado tamén é compatíbel co sistema de programación por bloques Bitbloq, así como con outros sistemas de programación por bloques.

Este kit está destinado a rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos, e o seu prezo é de 109,90 €.

Sobre o autor

Reply