De seguro que se vistes algo a televisión durante o Nadal víchedes tamén a campaña publicitaria de Amazon e o seu asistente Alexa. E ligado a este asistente están os altofalantes Echo, do que vimos de probar o modelo de segunda xeración.
Deseño e acabados
O Amazon Echo ten unha forma cilíndrica, cun potente altofalante que é capaz de ofrecer un son envolvente e omnidireccional, con difusión en 360 graos.
Na parte superior temos catro botóns, dous para regular o volume, un para acender e reiniciar o dispositivo e un cuarto que nos permite silenciar o micrófono para que escoite o que esteamos a falar. Ademais, a modo de coroa, ten un led que se ilumina cando interactuamos con el para que sexamos conscientes de que está en uso.
En canto aos materiais, as bases inferior e superior están acabadas en plástico, mentres que todo o que é altofalante está equipado coa tea coa que se adoitan cubrir os altofalantes, o que lle dá un sensación bastante chula.
Primeiros pasos
O primeiro que precisamos para traballar co altofalante é instalar no noso móbil a aplicación Amazon Alexa. Isto é fundamental para levar a cabo a configuración inicial, tras a cal xa poderemos empregar o dispositivo a través de comandos de voz. Porén, se queremos sacarlle todo o partido, a aplicación será unha gran aliada.
A configuración inicial é moi sinxela e a aplicación encárgase de irnos guiando en todo o proceso. Basicamente teléfono e altofalante teñen que recoñecerse e unha vez que se conectan configúrase a WiFi que teñamos posta no móbil. Feito isto, o Amazon Echo quedará configurado e xa nos poderemos dirixir a el mediante a palabra “Alexa…”
Se queremos que nos ofrece algúns exemplos de cousas que podemos facer podemos dicirlle “Alexa, ¿qué puedo decir?”, pero se preferimos podemos aprender por proba – erro, lanzándonos a preguntarlle cousas ou pedirlle que faga algo por nós. Algúns exemplos:
- Preguntar polo tempo, a hora, …
- Pedirlle que poña unha radio
- Pedirlle que nos lea un audiolibro.
- Poñer unha alarma
- Engadir un recordatorio para outro momento
- Iniciar un cronómetro
- Poñer unha canción
- …
De xeito predeterminado ten agregados servizos como TuneIn para a radio ou Amazon Music para a música, pero sempre podemos configurar a nosa conta de Spotify para que empregue o noso servizo de pago.
Outras funcionalidades
Se queremos sacarlle todo o partido ao Echo podemos vencellarlle dispositivos externos intelixentes, como enchufes, outros altofalantes e un senfín de obxectos que xa son compatíbeis co asistente de Amazon e tamén Google Home.
Así mesmo tamén podemos empregar as chamadas “skills“, rutinas que se poden programar desde a aplicación de cara a formar un hogar dixital, para o que precisaremos algúns dos obxectos conectados que comentamos anteriormente.
Deste modo poderemos programar accións, pedirlle que nos acenda unha lámpada ou reproducir nunha canción nun cuarto determinado, por poñer algúns exemplos.
Conclusións
As impresións logo de ter traballado co Amazon Echo de segunda xeración, e sen ter probado antes ningún outro dispositivo con Alexa, foron bastante positivas.
O trebello é quen de entender con bastante facilidade as peticións e responder dunha forma correcta, mesmo a unha distancia medianamente considerábel, e o son resultou bastante satisfactorio para unha habitación. Isto é posíbel grazas a que integra 7 micrófonos e cancelación de ruído, para poder o´ír mesmo cando estamos a reproducir son.
Como punto negativo -por poñerlle algún – temos que a compatibilidade con dispositivos de terceiros e a integración con aplicacións como calendario é un chisco máis reducida que a do seu principal competidor, Google Home, pero imaxinamos que iso será algo que irá mellorando co paso do tempo, dado que todo apunta a que este ano será no que despeguen este tipo de asistentes.
O Amazon Echo pódese atopar na web de Amazon por 79,99 euros.