Todo o que sabemos do Samsung Galaxy Note10 a poucas semanas da súa presentación

O próximo 7 de agosto Samsung presentará nun evento en New York o novo Galaxy Note 10, aínda que desta vez non veremos un só modelo, xa que cando menos termos o Galaxy Note 10 e o Note 10 +, ao que habería que sumar, cando menos, unha versión 5G.

As imaxes que foron aparecendo filtradas nas últimas semanas destacan a redución de marcos que xa descubrimos coa serie S10, e tamén polo uso da cámara frontal integrada na pantalla perforada, aínda que desta vez cunha situación no centro. Na parte traseira dos dispositivos atopamos a configuración de triple cámara, desta vez situada en vertical, e no caso do modelo “plus” destacando a integración dun cuarto sensor ToF para mellorar o efecto de profundidade.

Por suposto, ambos modelos contan co lapis S-Pen, que imaxinamos que introducirá algunha novidade con respecto ao modelo anterior, no que se integrou o Bluetooth para poder empregarse como disparador e mando ao pasar diapositivas, entre outras cousas. O que parece que non terán é porto de 3.5 mm para auriculares.

A meirande diferenza entre ambos modelos é o tamaño de pantalla, que no Note 10 será de 6,3 polgadas e no Note 10 + de 6,7 polgadas, cunha resolución de 1440 x 3040 píxeles e protección Gorilla Glass.

En canto a procesadores, teremos as versións con Exynos 9820 en todo o mundo agás na China e USA, onde se usará a variante co Qualcomm Snapdragon 855. Apúntase, no Note 10+, a 3 versións atendendo á capacidade da memoria interna e RAM: 1 TB + 12 GB e 512 / 256 + 8 GB, en todos os casos ampliábeis por microSD de até 1 TB. No caso do Note 10 podería ser que só houbese a versión de 256 GB.

A batería ascendería a 4500 mAh de capacidade, con carga rápida e tamén unha potente carga sen fíos, e o altofalante viría baixo a pantalla. Por suposto, leva USB-C, Bluetooth 5.0 con aptX e NFC con soporte para Samsung Pay.

Aínda que é prematuro falar de prezos, unha das últimas filtracións apuntou por onde irán os tiros, cando menos nos modelos máis básicos. Así, o Note 10 de 256 GB costaría 999 euros, mentres que o Note 10 + da mesma capacidade tería un prezo de partida entre os 1149 e os 1249 euros.

Só nos queda agardar uns días para ter a información oficial ou recibir algunha nova filtración que se axuste máis á información final.

Sobre o autor

Reply