Novos Realme 6 e Realme 6 Pro

Logo de ter anunciado o que será o seu buque insignia para esta primeira parte do ano, o Realme X50 Pro 5G, o fabricante chinés Realme vén de dar a coñecer dous modelos de gama media, o Realme 6 e o Realme 6 pro, dous trebellos que combinan características interesantes cuns prezos axustados.

Realme 6 Pro

O Realme 6 Pro é un modelo que integra unha pantalla de 6,6 polgadas con resolución FUllHD+ (2400 x 1080 pixeles), protexida por Corning Gorilla Glass e con taxa de refresco de 90 Hz.

No seu interior alberga o procesador de gama media máis recente de Qualcomm, o Snapdragon 720G, xunto con diversas combinacións de memoria RAM e capacidade de memoria interna: 6 + 64 GB, 8 + 64 GB ou 8 + 128 GB, en todos os casos ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos un total de seis cámaras, catro na parte traseira do dispositivo e dúas na parte frontal. Na traseira temos un sensor principal de Samsung de 64 Mpx, acompañado cun teleobxectivo de 12 Mpx, un gran angular de 8 Mpx e un sensor macro de 2 Mpx. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara principal dobre, cun sensor principal de 16 Mpx fabricado por Sony e un secundario de 8 Mpx gran angular, con amplitude de 105 graos.

Dispón dunha batería de 4.300 mAh de capacidade con carga rápida, Bluetooth 5.1, USB Tipo C, dual SIM e como sistema operativo Android 10 coa interface realme UI.

Estará dispoñíbel no mercado internacional, incluíndo o noso país, proximamente e en dúas cores, laranxa e azul. Polo de agora só se saben os prezos na India, que ao cambio son uns 208 € (6 +64 GB), 220 € (6 +128 GB) ou 233 € (8 +128 GB).

Realme 6

Pola súa banda, o Realme 6 é un modelo algo máis sinxelo, pensado para ser un supervendas. Leva unha pantalla de 6,5 polgadas FullHD+ (2400 x 1080 px) e taxa de 90 Hz, xunto cun procesador MediaTek Helio G90T e opcións de 4 +64, 6 + 128 e 8 + 128 GB para RAM e memoria interna, respectivamente. A súa batería é de 4300 mAh con carga rápida de 30 W.

Tamén dispón de cuádruple cámara traseira (64 Mpx con f/1.8 + 8 Mpx ultra gran angular con f/2.3 + 2 Mpx macro con f/2.4 + sensor monocromo con f/2.4. Na parte dianteira leva unha cámara de 16 Mpx con f/2.0.

Este modelo tamén chegará ao noso país, mais polo de agora, igual que o Realme 6 Pro, só está dispoñíbel na India partindo duns 159 euros ao cambio na versión máis económica (4 + 64 GB). O modelo de 6 + 128 GB sube até os 184 € e o de 8 + 128 GB até os 196 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply