O fabricante realme vén de anunciar a posta á venda no noso país dun novo modelo de smartphone, desta vez orientado ao segmento da gama entrada. Trátase do novo realme C21, un terminal que aposta por ofrecer unha potente batería de 5.000 mAh e resistencia certificada como dous dos seus principais reclamos.
O novo dispositivo de realme dispón dunha pantalla Fullscreen de 6,5 polgadas e resolución HD+, e no interior un procesador MediaTek Helio G35 Gaming, un modelo de oito núcleos fabricado en 12 nm que acada os 2,3 GHz grazas á tecnoloxía HyperEngine. Leva unha batería de 5.000 mAh de capacidade e sistema de bloqueo/desbloqueo mediante pegada dixital.
Dispón dunha cámara traseira triple, co sensor principal de 13 megapíxeles con zoom de até 4x e autoenfoque PDAF, e no software unha función chamada Chroma Boost que, a través do algoritmo de mapeo a nível de píxel, restaura o brillo e a cor, proporcionando un mellor rango dinámico, contraste de pantalla e cores máis vivas. A cámara selfie é de 5 MP, compatíbel co modo beleza por intelixencia artificial (IA), modo HDR, modo retrato e filtro.
Certificación TÜV Rheinland
realme destaca que este modelo dispón de Certificación de Alta Fiabilidade TÜV Reinland, a cal establece un alto estándar de calidade para a electrónica de consumo, xa que o trebello tivo que pasar con éxito 23 probas, entre as que se inclúen dez escenarios de uso diario como caídas, desgaste e roturas, ademais de sete en entornos extremos (temperaturas elevadas, humidades e variacións de voltaxe) e outras seis probas adicionais que poñen ao límite os compoñentes internos.
Dispoñibilidade e prezo
O novo realme C21 porase á venda o día 5 de maio, e estará dispoñíbel a través dos distribuidores oficiais de realme no noso país, entres os que se inclúen Amazon, MediaMarkt, PcComponentes, Fnac, The Phone House ou a web realme.com. Ademais tamén se poderá mercar a través de Vodafone.
- 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna por 109 euros
- 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna por 139 euros. Este modelo inclúe ademais NFC para poder efectuar pagos co móbil.