A serie OnePlus chegará o día 23 cunha colaboración especial de Hasselblad

O fabricante chinés OnePlus confirmou nas últimas horas a data de lanzamento da súa serie 9. Será o próximo martes 23 de marzo, no fío dun evento online que poderá seguirse en directo a partir das 10.00 EST (16.00h en Galiza).

A través dunha serie de teasers en diferentes canles, o fabricante encargouse de ir abrindo o apetito das fans da compañía, e adiantando algunhas das características que rodean este lanzamento. Deles, dous titulares: a venda con cargador e unha interesante colaboración con Hasselblad no apartado da fotografía.

O primeiro, a presenza do cargador, cobra importancia nun momento no que volveu o debate arredor desta cuestión, logo de que varios fabricantes apostasen por non introducilo na caixa (como a serie Samsung Galaxy S21) ou ofrecer dúas alternativas, con e sen el.

Porén, o máis destacado é a colaboración en materia fotográfica. Nunha imaxe de resumo, OnePlus asegura ter investido 150 millóns de dólares nun acordo con Hasselblad por 3 anos para chegar á nova xeración de cámaras e fotografía, que haberá que ver de que maneira se traduce de cara o usuario final.

A rumoroloxía apunta á chegada de varios terminais de vez dentro da serie OnePlus 9. Ademais do terminal base, poderíamos ver o OnePlus 9 Pro, o OnePlus 9 Lite e o OnePlus9E, aínda que tamén podería darse o caso de que estes fosen anunciados en eventos máis espaciados.

Sobre o autor

Reply