A partir de mañá a almacenaxe de Google Photos deixa de ser gratuíta

Hai seis anos que Google anunciaba unha das novas máis relevantes para as nosas fotografías: a almacenaxe ilimitada para as nosas fotos e vídeos en formato de “alta calidade” a través de Google Photos. Esta facilidade foi moi ben acollida polo conxunto das usuarias, até o punto de terse convertido nun servizo imprescindíbel para as copias de seguranza dos nosos recordos.

Pero isto cambia a partir de mañá. O 1 de xuño é a data escollida por Google para comezar a monetizar o servizo, polo que se ben todo o que teñamos subido a Photos até o de agora – no formato de alta calidade – non ocupaba espazo de almacenaxe, si que o farán as imaxes e vídeos que subamos a partir de agora, o que obrigará a moitas usuarias a ter que pasar por caixa.

Así, no momento no que se acaden os 15 GB de almacenaxe que Google ofrece de maneira gratuíta ás usuarias das súas contas para compartir entre Gmail, Drive e Photos, a opción que temos para seguir disfrutando do servizo é escoller algún dos plans de pago que nos ofrece Google One, cuxos prezos son os que seguen:

  • 100 GB por 1,99 €/mes (ou 19,99 € para pago anual)
  • 200 GB por 2,99 €/mes (ou 29,99 € para pago anual)
  • 2 TB por 9,99 €/mes (ou 99,99 € para pago anual)

Estas subscricións a Google One contan con algunha que outra vantaxe, como o poder compartirse con outros membros da familia, de maneira que pagando unha única vez polo servizo podemos compartir a almacenaxe adquirida con até outras cinco persoas do noso entorno. Ademais, One dispón dun servizo de axuda persoal e acceso previo a novidades da compañía.

Sobre o autor

Reply