R leva a fibra até os 10 xigas ao 70% da súa rede co paso da tecnoloxía HFC a FFTH

A operadora galega R, integrada no Grupo MásMóvil, vénde anunciar que preto de 900.000 inmobles de Galiza xa dispoñen de cobertura da nova rede de fibra de R, unha cifra que chegará a preto do millón de fogares e empresas a finais de ano, permitindo acadar velocidades de até 10 xigas. Será xa no 2022 cando a totalidade da clientela de R poida desfrutar dos avances desta nova rede.

R comprométese tamén a continuar coa modernización da súa rede, de maneira que proximamente estará preparada para competir para ofrecer a particulares e negocios os servizos de telecomunicacións máis avanzados, incluíndo tamén os novos servizos 5G.

A nova rede de fibra óptica xa está dispoñíbel para os novos clientes de R nas catro provincias galegas, onde algunhas delas teñen actualmente unha cobertura de fibra superior ao 90% da totalidade da rede.

Velocidades simétricas, mellor cobertura e 5G

A nova fibra óptica de R ofrece velocidades de navegación de até 10 xigas simétricos, WiFi 6 e Wifi mesh, e televisión con decodificador Android 4K e plataformas OTT integradas sen custe adicional para as usuarias. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares, e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos conectados.

A diferenza da rede de cable HFC, a nova rede de R utiliza tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e ofrece velocidades simétricas en toda a rede. Trátase da última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, que está preparada para o futuro e é idónea para simultenar tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming, etc, mantendo en todo caso esa simetría en toda a rede. Este estándar permite habilitar accesos de até 10 xigas, o que supón catro veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual, e até 8 veces máis capacidade de suba.

A medida que se vaia despregando a nova rede, as usuarias serán avisadas dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipamentos, de maneira totalmente gratuíta, por outros de nova xeración, máis avanzados, que lles permitirán gozar destes servizos.

Cando se completen os traballos de despregamento e se instalen os novos equipos en todos os inmobles, R apunta a que Galiza se convertirá nun dos territorios máis avanzados de Europa en tecnoloxía e estará preparada pra o uso e desenvolvemento do 5G, que se apoia na rede de fibra óptica para ofrecer máis velocidade, maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.

Sobre o autor

Reply