Aínda que a TCL coñecémola desde hai moitos anos polas súas pantallas e televisores, nos últimos tempos están a chegar ao territorio europeo os seus smartphones, de xeito semellante ao desembarco de novas marcas chinesas que hai un tempo eran descoñecidas e agora compiten por facerse oco entre as grandes tecnolóxicas.
Desde o Mobile World Congress, TCL vén de anunciar cinco novos smartphones da serie TCL 30. Son o TCL 30, o TCL 30 5G, o TCL 30+, o TCL 30 SE e o TCL 30 E. Súmanse así a outros dous teléfonos intelixentes da serie que xa existian previamente, os TCL 30 XE 5G e os TCL 30 V 5G, aínda que estes só están dispoñíbeis nos Estados Unidos.
Toda a gama da serie TCL 30 contén innovacións na súa cámara, e en concreto os TCL 30 5G, TCL 30+, TCL 30 e TCL 30 SE contan cunha cámara triple con intelixencia artificial de 50 MP, mentres que o TCL 30 E ten unha cámara dual, cun lente principal de 50 MP. As persoas que usan o seu smartphone para sacar autorretratos atoparán no TCL 30 5G e no TCL 30+ unha cámara frontal ultra ancha, para que ninguén quede fóra da foto.
Tamén veñen equipados co modo Steady Snap (instantánea estábel), o que permite parar o tempo e capturar mesmo persoas en movemento. Co seu sistema de IA é capaz de detectar até 22 tipos de escena diferentes, e conta con vídeo IA HDR que axusta a exposición e optimiza os detalles, así como HDR con pouca luz para poder captar tomas con bo equilibrio de luces.
OS TCL 30 5G, TCL 30+ e TCL 30 veñen con pantallas FHD+ AMOLED de 6,7 polgadas, e os TCL 30 SE e TCL 30 E cuns paneis un pouco máis pequenos, de 6,52 polgadas. Por outro lado, os TCL 30+ e TCL 30 levan altofalantes duais, para poder facilitar a inmersión vendo películas, xogando ou escoitando música.
Tamén atopamos diferenzas – pequenas – na batería, pois os TCL 30 SE e TCL 30 E veñen con 5.000 mAh de capacidade e os TCL 30 5G, TCL 30+ e TCL 30 dispoñen de 5.010 mAh, pero só estes últimos teñen carga rápida de 18W
Os TCL 30+, TCL 30 SE e TCL 30 5G dispoñen de 128 GB de memoria interna, o TCL 30 5G leva a conectividade móbil de última xeración e toda a serie está certificada como Google Android Enterprise Recommended.
Dispoñibilidade e prezo
Os modelos TCL 30+ e TCL 30 estarán dispoñíbeis en Muse Blue e Tech Black, mentres que o TCL 30 5G vén en Dreamy Blue e Tech Black. Os TCL 30 SE e TCL 30 E poderanse mercar en Space Grey e Atlantic Blue.
En canto aos prezos e datas de lanzamento, depende de cada modelo en concreto.
- TCL 30 5G: maio, 249 € (64 GB) ou 269 € (128 GB).
- TCL 30+: comezos de marzo desde 199 €.
- TCL 30: comezos de marzo, desde 179 €.
- TCL 30 SE: comezos de marzo, desde 169 € (128 GB).
- TCL 30 E: mediados de abril, desde 149 €.