A Cidade das TIC abre as súas portas coa posta en marcha do CSA

Esta mañá tivo lugar na Coruña o acto de inauguración do Centro de Servizos Avanzados (CSA), o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC, situada nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña. O acto contou con máis de 350 participantes, principalmente persoas dos sectores empresarial, tecnolóxico e académico galego.

Impulsada pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC de Galiza, a Cidade das TIC naceu para ser un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel internacional, contribuíndo á especialización de Galiza en tecnoloxías emerxentes, desenvolvendo tecidos empresariais conectados e máis competitivos, así como tamén impulsando as TIC e a dixitalización de Galiza.

A restauración deste primeiro edificio fíxose mantendo a súa estrutura orixinal de almacén industrial, incluíndo unha histórica e emblemática grúa pórtico, gran protagonista da parte central da nave. Nos traballos de posta a punto introducíronse materiais como a madeira, o cristal e elementos metálicos, para construír espazos de traballo amplos e luminosos. Conta con máis de 5.000 metros cadrados, que acollerán desde este momento ás empresas Imatia, Cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene.

Ademais dos espazos de traballo e coñecemento compartido (coworking), o CSA contará tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galiza, un de intelixencia artificial, outro de media e un terceiro de dispositivos intelixentes.

A planta inferior conta cun amplo espazo de mostra (showroom), destinado a ser un espazo versátil para o deseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIG galego. Durante esta xornada de inauguración, o espazo contou cunha mostra de tecnoloxías que se están a desenvolver en Galiza, demostracións relacionadas coa intelixencia artificial e tecnoloxías multimedia.

Futuro da Cidade das TIC

Logo da inauguración do CSA, o proxecto continúa coa restauración e construción de varios edificios nos terreos das antiga Fábrica de Armas, entre os que se inclúen un centro de formación, un centro de drones e varios espazos de servizos (gardería para as crianzas das e dos traballadores) ou cafeterías.

Tamén se está a construír un innovador plató virtual, que se prevé estea rematado en xaneiro de 2024. Ocupará 1.600 metros cadrados e un decorado virtual, pensado para reproducir calquera tivo de espazo, paisaxe ou ambiente.

Ademais, durante a presentación, tamén se confirmou que o próximo curso académico comezará coa prefinanciación da lanzadoras de empresas.

Evento TIC: IA e empresa

Logo da inauguración do primeiro edificio da Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados acolleu o seu primeiro evento TIC sobre intelixencia artificial aplicada á empresa, no que participaron expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Telefónica.

Alberto Pan e Daniel Lender, directivos da empresa galega Denodo, especializada en xestión de datos, explicaron nunha mesa redonda como evolucionou a súa tecnoloxía desde a fundación da empresa no 1999, analizando as tendencias do mercado e comentando a súa experiencia con Silicon Valley, e como conseguiron o apoio de grandes inversores como TPG Growth, que vén de inxectar 336 millóns de euros na compañía.

Pola súa banda, David Pereira, de NTT Data, aportou a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións, mentres que Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil, afondou na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. Pechou a xornada Chema Alonso, o coñecido hacker e CDO de Telefónica, quen abrodou a estratexia global da multinacional no ámbito da IA.

Sobre o autor

Reply