Algunhas axencias de emerxencia queixáronse de estar a recibir numerosas chamadas debidas a usuarios de dispositivos Android que activaron a chamada automática ao 112 / 911 de maneira accidental, tras ter presionado reiteradamente (cinco veces) o botón de acendido), afectando ao ritmo de entradas das chamadas.
Este problema afectaba principalmente aos dispositivos Google Pixel, aínda que tamén a algunhas marcas que empregan a aplicación Seguridade Persoal de Google. Porén, Google, tras ter coñecemento deste problema, tomou cartas no asunto modificando o xeito de funcionamento, instaurando un novo sistema de maneira predeterminada que exixe premer na pantalla durante uns segundos antes de iniciar a chamada, co que se evitan activacións accidentais.
Dúas opcións a escoller
Deste modo, as usuarias poderán escoller dous sistemas:
- O novo sistema (predenterminado): actívase premendo cinco veces o botón de acendido, tras o cal aparecerá un botón en pantalla que deberá estar pulsado durante 3 segundos para que se inicie a chamada.
- O anterior sistema: actívase igualmente premendo cinco veces o botón de acendido, tras o cal activa unha conta regresiva de cinco segundos, e se non se fai nada, chama automaticamente.
A vantaxe do anterior é que no caso dun accidente, por exemplo unha caída dunha bicicleta, podemos activar a chamada aínda que escache a pantalla, algo que non é posíbel co novo.