Apple anuncia os novos MacBook Pro e iMac con procesadores M3, M3 Pro e M3 Max

Esta madrugada Apple presentou oficialmente no seu evento Scary Fast a súa nova xeración de procesadores M3, M3 Pro e M3 Max, que ofrecen un importante salto e potencia. E xunto a eles, a nova xeración de portátiles Macbook Pro e un novo iMac que incorporan o novo procesador, ademais de outras novidades

Novos chips M3

Os novos procesadores de Apple M3, M3 Pro e M3 Max están fabricados en 3 nanómetros, e destacan por unha importante redución en termos de consumo e a mellora da potencia, sendo un 15% máis rápidos cá xeración anterior, a familia M2, e un 30% máis cá M1. Tamén contan co novo Neural Engine para tarefas de Intelixencia Artificial (IA), compartindo todos os modelos 16 núcleos.

As diferenzas entre os tres modelos radican no número de núcleos da CPU e da GPU, ademais do máximo de memoria unificada e o ancho de banda da memoria.

  • M3: 8 núcleos CPU (4 de alta eficiencia e 4 de alto rendemento), 24 GB de máximo de memoria unificada, 100 GB/S de ancho de banda da memoria e 10 núcleosGPU.
  • M3 Pro: 12 núcleos CPU (6 de alta eficiencia e 6 de alto rendemento), 36 GB de máximo de memoria unificada, 150 GB/S de ancho de banda da memoria e 18 núcleos GPU.
  • M3 Max: 15 núcleos CPU (4 de alta eficiencia e 12 de alto rendemento), 128 GB de máximo de memoria unificada, 400 GB/S de ancho de banda da memoria e 40 núcleos GPU.

Novo MacBook Pro

A nova xeración de MacBook Pro destaca pola posibilidade de configurarse cos tres modelos de procesador, a diferenza da xeración anterior, na que só se podía escoller as versións Pro e Max dos chips, ampliando ás opcións ás usuarias.

A maior diferenza entre os novos modelos de MacBook Pro, máis aló da configuración de memorias, está en que os MacBook Pro con procesador M3 dispoñen de dous portos Thunderbolt (USB 4), mentres que os modelos con procesadores M3 Pro e M3 Max contan con tres portos Thunderbolt.

Todos os modelos están dispoñíbeis en dous tamaños de pantalla (14 e 16 polgadas), dispoñen de conectividade sen fíos Bluetooth 5.3 e WiFi 6E, unha cámara web con resolución 1080p incrustada nun notch, porto HDMI, lector de tarxetas SD e unha autonomía que vai entre as 10 e as 20 horas de uso, dependendo das versións. Tamén levan lector de pegadas dixitais TouchID e conector de audio.

Novo iMac de 24 polgadas

Apple tamén anunciou a chegada dos novos procesadores M3 para actualizar o modelo iMac de 24 polgadas, que destaca por incluír o novo chip M3 de oito núcleos.

Da súa folla de especificacións destacan as opcións de conectividade, que inclúen portos Thunderbolt 3, USB 4 e USB 3.1 Gen 2, ademais de poderse configurar con memorias de até 2 TB de capacidade. Ten soporte para Magic Keyboard con Touch ID e está dispoñíbel nunha carcasa que se pode mercar en sete cores diferentes.

Dispoñibilidade e prezo dos novos MacBook Pro con chips M3

Os novos MacBook Pro xa teñen data de comercialización no noso país. Os modelos con procesador M3 e M3 Pro estarán dispoñíbeis a partir do 7 de novembro, mentres que os que veñen con M3 Pro chegarán ás tendas o día 16. Porén, xa se poden reservar desde a web de Apple.

En canto a prezos, varía moito en función da configuración elixida, partindo dos 2.029 euros para o modelo máis económico (corrrespondente ao MacBook Pro de 14 polgadas con procesador M3 e a configuración máis modesta de memorias) até os 8.579 € da versión máis completa (MacBook Pro de 16 polgadas con procesador M3 Max de maior capacidade e a maior configuración de memorias).

O novo iMac de 24 polgadas chega tamén o día 7 de novembro, nun abano de prezos que vai desde os 1.619 € até os 2.079 €, e tamén está dispoñíbel para reservar na web de Apple.

Sobre o autor

Reply