O novo Nubia Z60 Ultra combina potencia e deseño

ZTE vén de presentar novo modelo de smartphone a través da súa segunda marca, Nubia. Trátase do Nubia Z60 Ultra, un dispositivo que chega con deseño novidoso e que integra características como o procesador Snapdragon 8 Gen 3 de Qualcomm ou unha pantalla que agocha a cámara dianteira debaixo.

O novo Nubia Z60 Pro destaca pola súa pantalla AMOLED de 6,8 polgadas con resolución de 2480 x 1116 píxeles (400 ppp), taxa de refresco de 120 Hz e un brillo pico de 1500 nits. No seu interior, como xa avanzamos, temos o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, xunto con versións de 8, 12 ou 16 GB de RAM e 256, 512 GB ou 1 TB de memoria interna.

No apartado fotográfico destaca o módulo traseiro, cun deseño que chama a atención, e que inclúe unha cámara formada por tres sensores: principal de 50 MP con f/1.6 e OIS; gran angular de 50 MP con f/1.8 e OIS e un telefoto 3,3x de 64 MP con f/3.3. A cámara frontal, de 16 MP e f/2.0, está agochada baixo a pantalla.

Completando a ficha de especificacións técnicas temos unha batería de 6000 mAh con carga de 80 W, conectividade 5G, Bluetooth 5.3 e WiFi 6, ademais de NFC, sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla e resistencia a auga e pó segundo o estándar IP68. Como sistema operativo leva Android 14, coa capa de personalización MyOS 14.

Dispoñibilidade e prezo

ZTE anunciou a dispoñibilidade global do Nubia Z60 Ultra, que chegará en tres cores: gris, prata e negro. Pódese facer a pre-reserva até o 29 de decembro na web oficial de Nubia, e desde o 6 de xaneiro tamén estará dispoñíbel a través de Amazon.

En canto aos seus prezos, no noso país haberá tres configuracións: 8 + 256 GB por 679 €, 16 GB + 256 GB por 749 € e 16 GB + 512 GB por 899 €.

Sobre o autor

Reply