Nova Lenovo Tab M11, con Tab Pen para tomar notas

Lenovo anunciou durante a celebración do CES Las Vegas a súa nova tablet, a Lenovo Tab M11. Trátase dun dispositivo económico, pero que non renuncia a contar cun accesorio moi interesante: o Tab Pen. Grazas a este lapis -que vén incluído coa tablet- as posibilidades e usos increméntanse, engandido a potencialidade de poder tomar notas ou debuxar facilmente.

A Lenovo Tab M11 está equipada cunha pantalla tipo LCD de 11 polgadas, con resolución Full HD+. No seu interior alberga un procesador Helio G88 de MediaTek, xunto con 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, que poden ampliarse mediante tarxetas microSD. Se ben non estamos a falar dun dispositivo superpotente, esta combinación permitirá facer un uso estándar da tablet para boa parte das funcións do día a día.

A súa batería é de 7040 mAh de capacidade, con carga de 15W. Tamén dispón de cámaras frontal e traseira -ambas de 8 MP- e conectividade que inclúe WiFi ac, Bluetooth 5.1, USC-C e jack de audio de 3.5 mm. En canto ao sistema de son, dispón de catro altofalantes.

O sistema operativo co que sae á venda é Android 13, aínda que actualizará a Android 14 e Android 15. Lenovo tamén confirmou no lanzamento que ofrecerá os parches de seguridade de Android durante catro anos, até o 2028.

Dispoñibilidade e prezo

Inmediatamente tras o seu anuncio, a Lenovo Tab M11 xa está dispoñíbel, e se pode mercar directamente na web de Lenovo ou a través de terceiros, entre eles Amazon.

Comercialízase nunha única variante de cor -gris- por 199 € sen cargador, ou por 223 se necesitamos cargador. Unha cuestión interesante é que, como comentamos ao comezo do artigo, o Tab Pen está incluído no prezo da tablet.

Sobre o autor

Reply