Alternativas ao ADSL ante o inminente apagado do cobre

A finais de 2023 quedaban no conxunto do Estado preto de 600.000 usuarias de conexións ADSL. Os diferentes plans de despregamento de fibra fixeron posíbel que tanto Galiza, como o resto do Estado, avanzasen neste tipo de conexións de alta velocidade, se ben é certo que aínda hai un número elevado de persoas que padecen as lentas conexións de ADSL a través do cobre.

Coa mirada posta no 19 de abril, data na que Telefónica ten previsto apagar definitivamente o cobre (coincidindo co seu centenario), a compañía está a intensificar unha campaña urxindo á clientela a abandonar esta rede e actualizar a outras tecnoloxías, como poden ser a fibra (en casos nos que haxa cobertura pero que os usuarios non tiveran cambiado), Internet Radio (baseado en rede móbil) ou o satélite, nos casos de mala cobertura móbil.

No caso de Movistar, a alternativa que ofrecen aos clientes con ADSL é Movistar Internet Radio. Está baseada en conectividade 4G, e aínda que non limita o volume de datos, si que o fai coa velocidade, situándoa nos 20 Mbps en sentido descendente e 1 Mbps no ascendente. Leva asociada unha liña fixa con chamadas ilimitadas a fixos por un prezo mensual de 53 €.

As mellores alternativas

O servizo de Movistar Internet Radio non é atractivo nin polo prezo nin polas características que ofrece, xa que a limitación de velocidade a 20/1 Mbps deixa ás usuarias cun servizo semellante ao ADSL, que non se corresponde coas necesidades actuais da Internet. Por sorte, existen diversas alternativas.

Empregando un servizo semellante, de conexión fixa baseada en móbil, operadores como Vodafone e R melloran substancialmente a oferta de Movistar

  • Vodafone ofrece Vodafone Hogar 5G, cunha conexión baseada en 5G con velocidades máximas de 1 Gbps (1000 Mbps), dependendo da cobertura, e teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos e móbiles por 36,80 €/mes. Adicionalmente pódese combinar con liñas móbiles e TV. Máis info.
  • R ten o plan Mambo Axiña, limitado a 150 Mbps, e sen teléfono fixo, aínda que existe a posibilidade de conservar o número co servizo “fixo no móbil”. Inclúe liñas móbiles, desde 49 €/mes. Máis info.

Se a nosa vivenda está nunha zona na que non hai boa cobertura móbil, a mellor alternativa é o satélite, onde temos dúas alternativas principais:

  • Starlink: é un servizo de Internet satélite ilimitado en transferencia de datos con velocidades máximas de 220 Mbps (medias de 130 Mbps) e unha boa latencia, ao empregar unha rede de satélites de órbita baixa. Non dispón de teléfono fixo. O seu prezo é de 59 €/mes, se optamos por alugar os equipos, ou 49 €/mes se o mercamos (o prezo dos equipos é de 450 €). Máis info.
  • Conéctate 35. É un plan financiado polo estado a prezo fixado de 35 €/mes para o servizo de conectividade, con velocidades mínimas de 200 Mbps en sentido descendente e 10 Mbps en sentido ascendente. O servizo está limitado a unha transferencia de 150 GB/mes, e tras superalos, as usuarias terán menos prioridade no acceso aos recursos. Ofrécese a través de varias operadoras, algunha das cales permite engadir servizos adicionais. Máis info.

Outras alternativas son solucións baseadas en WiMax que ofrecen algúns operadores locais, e cuxa calidade depende de diversos factores que deben ser analizados caso por caso.

Sobre o autor

No Responses

Reply