Novo Huawei Pocket 2, un encartábel con catro cámaras traseiras

Hai moito que non falamos de Huawei, ao ter deixado de comercializar os seus produtos en Europa de maneira oficial. Porén, o fabricante segue moi activo no seu país de orixe, China, onde vén de presentar un novo smartphone encartábel que destaca por incluír catro cámaras traseiras.

Nas diferentes apostas dos fabricantes por ofrecer teléfonos que poden dobrar a súa pantalla adoita sacrificarse o punto fotográfico, en certa maneira para manter un prezo máis ou menos axustado. Porén, isto podería comezar a cambiar, e boa mostra é o que ofrece o novo Huawei Pocket 2.

Este dispostivo tipo cuncha é o primeiro smartphone encartábel destas características que integra catro cámaras traseiras: un sensor principal de 50 MP con estabilización óptica de imaxe, ao que se suma un gran angular de 12 MP e un teleobxectivo de 8 MP. O cuarto sensor é un sensor ultravioleta de 2 MP, capaz de detectar a intensidade dos raios solares, e que segundo parece podería estar máis enfocado a aspectos de saúde que a resultados fotográficos propiamente ditos.

A súa pantalla é un panel OLED LPTO de 6,94 polgadas, e conta tamén cun panel exterior circular de 1,15 polgadas, sendo as resolucións FHD+ no interior e 340 x 340 píxeles no exterior. No interior leva 12 GB de RAM con opcións de 256 GB, 512 GB ou 1 TB de capacidade, aínda que tamén hai unha versión especial -Pocket 2 Art- con 16 GB de RAM e 1 TB de capacidade de almacenaxe.

A súa autonomía vén dada por unha batería de 4520 mAh con soporte para carga rápida de 66 W mediante cable e 40 W sen fíos. O sistema operativo é HarmonyOS 4, e o seu procesador é unha incógnita, xa que o fabricante non ten facilitado esta información.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Huawei Pocket 2 xa se pode mercar en China a partir duns 1000 euros ao cambio para o medelo base, e de momento non está previsto que vaia poñerse á venda no noso país.

Sobre o autor

Reply