A batería está a ser un dos elementos nos que os fabricantes de gama media están a poñer o foco. Vímolo no OnePlus CE4, e vémolo tamén no novo Honor 90 Smart. Este dispositivo, que vén de ser presentado, chega presumindo dunha batería de 5.330 mAh e unha cámara principal de 108 MP, prestando atención a dúas das demandas máis habituais das usuarias: autonomía e apartado fotográfico.
Segundo o fabricante, o dispositivo ofrece unha autonomía que lle permite, cunha soa carga, soportar 16,6 horas de streaming de vídeo ou 37,8 horas de chamadas, sen ver comprometido o grosor do terminal. Isto conségue grazas a unha tecnoloxía de batería que permite aplicar maior densidade enerxética nunha pila que tamén presenta unha gran lonxevidade, mantendo máis do 80% da saúde mesmo tres anos despois do uso.
A pantalla é un panel FullHD de 6,8 polgadas, cunha profunidade de cor de 16,7 millóns, que conta coa certificación TÜV Rheinland polas súas baixas emisións de luz azul, evitando a fatiga ocular. Dispón tamén de funcións de audio avanzas, grazas a un algoritmo de expansión do campo sonoro e a optimización do audio baseado en escenas con altofalantes estéreo duais. A capacidade da súa memoria é de 128 GB, e conta con 4 GB de RAM, que poden ampliarse a 8 GB con simulación de RAM virtual.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Honor 90 Smart xa está dispoñíbel para mercar no noso país, e podemos facernos con el en verde esmeralda ou en negro medianoite. O seu prezo é de 249 €.