Usar o móbil como ordenador: Android 15 quere mellorar a experiencia

Desde hai varios anos varios fabricantes están a implementar unha funcionalidade que, a priori, resulta moi interesante: o modo escritorio. A idea naceu coa intención de converter o noso smartphone no “dispositivo único” co que manexarnos no día a día. Podemos así extender as potencialidades do noso smartphone, conectándoo mediante un hub USB-C a distintos periféricos (pantalla, teclado, rato…) para usalo como ordenador de escritorio.

Mais certamente, non é algo que demanden moitas usuarias. De feito, se empregas un terminal de gama alta, é posíbel que o teu teléfono a teña e non o saibas. Samsung -e outros fabricantes- levan incluíndoa desde hai varios anos, pero non fan bandeira dela. De feito, Android inclúea desde a versión 10, aínda que non sempre se implementa nos smartphones.

Porén, semellla que Google pretende darlle unha volta para engadir novidades interesantes. Segundo vén de saberse a través de Android Authority, Android 15 contará cun novo sistema de ventás cunha experiencia semellante á que ofrece Windows. Isto permitirá usar varias aplicacións ao mesmo tempo dunha maneira máis fluída, pois aínda que a multiventá xa viña existindo, o sistema actual resulta máis limitado.

O vídeo anterior resume ben esta funcionalidade. Está dispoñíbel na beta de Android 15, que inicia as aplicacións en pantalla completa de maneira predefinida. Accedendo á barra superior aparecerán tres botóns. Esten permiten establecer a pantalla completa, dividir a pantalla ou o movemento libre. O segundo reparte a pantalla entre as apps abertas, e o de movemento libre fai que a ventá flote no escritorio. Poderemos así movela, maximizabla, cambiar o tamaño ou pechala ao noso antollo.

Sobre o autor

Reply