Puntogal e ICANN promoven unha xornada de concienciación sobre a aceptación universal na Universidade de Vigo

A Sala de Xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo acollerá este xoves, 11 de abril ás 11h, unha xornada informativa e de concienciación sobre a UA (Universal Acceptance ou Aceptación Universal).

Trátase dun evento enmarcado no programa mundial da ICANN (Corporación da Internet para a Asignación de Nomes e Números) para ampliar as facilidades de acceso á rede a toda a poboación, sen distinción da lingua ou sistema de escritura. O acto que se celebrará en Galiza é un dos 50 programados a nivel mundial cos que se conmemora o UADay, e o único que terá lugar no territorio do Estado español.

A Aceptación Universal é un concepto que se refire á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña de recoñecer e tratar adecuadamente calquera tipo de información ou contido, independentemente da súa orixe, formato ou idioma. En termos prácticos, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e implementadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital.

No evento participarán Rebeca Pilar Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Camilo Regueiro, vicepresidentede PuntoGal; Edita de Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo; e Javier Fernández Fraga, do Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia. A xornada contará, igualmente, coa intervención de Andrea Becalli, de ICANN, o organismo que promove o UADay en todo o mundo.

Xornada híbrida presencial ou remoto

A xornada terá un formato híbrido, de maneira que as persoas interesadas poderán acudir presencialmente á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo para seguila en directo ou asistir de xeito remoto. En calquera dos casos, é preciso formalizar a inscrición a través de i.gal/ua24.

Sobre o autor

Reply