ZTE lanza o nubia Music, destinado ás apaixonadas da música

Durante o pasado Mobile World Congress, o stand de ZTE amosaba diversos modelos da súa segunda marca, nubia. Entre eles estaba o nubia Music, un dispositivo que agora chega ao noso país, cunha orientación cara o perfil de usuarias apaixonadas da música.

E é que o trebello destaca polo seu deseño, cun estilo pop que incorpora na parte posterior un altofalante con forma de vinilo. Este é capaz de acadar os 104 dB de potencia, pero ademais o smartphone dispón de dobre jack para auriculares e sistema de son de alta calidade DTS: X Ultra.

A súa pantalla é un panel de 6,6 polgadas, con resolución HD+ (720 x 1612 píxeles) e taxa de refresco de 90 Hz, capaz de procesar 16 millóns de cores. No interior temos un procesador Unisoc SC9863A, con sistema octa-core de 1.6GHz, 4 GB de memoria RAM (ampliábeis noutros 4 GB mediante virtualización) e 128 GB de memoria interna, con expansión mediante microSD en 128 GB adicionais.

A súa cámara principal é de 50 MP, acompañada dun lente gran angular. As súas funcións compleméntanse mediante software, aplicando solucións baseadas na intelixencia artificial (IA) para mellorar os resultados. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 5 MP, integrada coa tecnoloxía hole notch para un uso máis eficaz da pantalla.

A batería sitúase nos 5000 mAh de capacidade, e o sistema operativo é Android 13 de 64 bits. Dispón de dual SIM, conectividade 4G, NFC, Bluetooth 4.2 e recoñecemento de pegada dactilar no lateral.

Dispoñibilidade e prezo

O novo nubia Music ponse hoxe á venda en Worten, Amazon e Yoigo por 149 €. Polo de agora chega na súa versión de deseño pop art, que se distingue por unha chamativa combinación de cores vermella, branca, azul e amarela.

ZTE non descarta que en próximas datas poida chegar tamén o ton “zeal orange”, como o da imaxe que abre este artigo.

Sobre o autor

Reply