Panasonic volve a Europa coa gama Eluga: smartphones a proba de auga #mwc12

Parece que os fabricantes están preocupados polo uso que os usuarios facemos dos smartphones: se hai uns días falabamos da resistencia á auga da tablet de Fujitsu hoxe queremos falarvos do Panasonic Eluga.
Panasonic foi unha marca que na época non-smartphone tivo certa relevancia no mercado europeo. Sen embargo, nos últimos tempos desapareceu por completo. Agora volven a Europa co Eluga, un smartphone que combina estilo, delgadez e resistencia á auga.
Neste sentido cumpre o estándar IP57, que certifica que é capaz de resistir 30 minutos a unha profundidade de 1 metro. Non é que valga para facer submarinismo, pero para soportar salpicaduras ou caídas “accidentais” ás piscinas chega e sobra.

Con tan só 7,8 mm de grosor, o Eluga conta con tecnoloxía NFC, procesador de 1 GHz de dobre núcleo, memoria de 8 GB e unha cámara de 8 megapíxeles. A pantalla é de 4,3 polgadas e a batería ten unha capacidade de 1150 mAh, algo que nos parece un pouco escasa, aínda que desde Panasonic aseguran que co seu “eco-mode” aguantará de sobras (de sobras = como calquera outro smartphone).
Saiu onte á venda en Xapón con Gingerbread, pero será actualizado a Ice Cream Sandwich. En Europa agárdase que chegue a comezos do verán.

Sobre o autor

Reply