Analizamos o Sony Xperia Z

Até non hai moito tempo, características como a resistencia á auga ou aos golpes ficaban reservadas para unha serie de dispositivos de características medias e deseños pouco atractivoss. Todo isto cambiou co Xperia Z, un terminal co que Sony quixo mudar as cousas na gama alta, aunando un deseño do máis coidado e resistencia a golpes e somerximentos en auga, é dicir, aos perigos máis habituais aos que se enfrentan os nosos gadgets a diario.

Deseño, acabado e conexións
Cando un colle un Sony Xperia Z por primeira vez dáse conta de que está ante un terminal de alta gama. O deseño non podería ser máis coidado nun dispositivo cuns cortes rectos e lisos, lixeiramente redondeados nas aristas e con practicamente todos os seus conectores agochados.

 

A parte traseira foxe dos plásticos para estar fabricada en vidro templado (tecnicamente, poliamida de fibra de vidro), que resulta moi confortábel ao tacto e tremendamente resistente, fronte a outros dispositivos que escollen o vidro como o Optimus G ou o iPhone, onde unha caída mal dada podería deixalos escachados de por vida.
No lateral dereito sobresae o botón de acendido e, máis disimulados, os de control de volume. No lado contrario, como únicos conectores visíbeis, están os enchufes para unha base de carga que se vende como accesorio adicional. O resto de conectores (microUSB, jack 3.5…) agóchanse baixo sendas tapas para evitar que se humedezan ao atacar o terminal con líquidos. Neste senso, ao lado de cada un destes portos sitúase un medidor que cambia de cor no caso de que se teña visto afectado por uso incorrecto.
Pantalla
As 5 polgadas coas que conta son para nós un tamaño moi interesante a día de hoxe para os que usamos o noso smartphone para (case) todo, aínda que para quen teña as mans pequenas pode resultar algo incómodo se se pretende manexar usando unha única man.
Trátase dunha TFT Reality Display con 16 millóns de cores e unha resolución de 1920 x 1080 píxeles (440 ppp) e Mobile Bravia Engine 2, que elimina o ruído das imaxes e optimiza o contraste e a nitidez grazas a unha capa software para a etapa de decodificación de vídeo. Ademais, tamén conta con OptiContrast, tecnoloxía semellante á que integra o Optimus G e que elimina capas de vidro na pantalla para un tacto moito máis preciso.
Toda esta tecnoloxía de pantalla deriva en cores realmente vivos e imaxes de gran definición, con especial mención ao uso en exteriores con entornos luminosos, onde se conseguen uns resultados superiores aos habituais.
Sistema operativo e software
Malia que probamos o terminal con Android 4.1 Jelly Bean, xa conta con actualización a 4.2.2, a última versión dispoñíbel a día de hoxe. Incorpora ademais a capa de personalización de Sony, que a pesar de non introducir grandes florituras ten algúns aspectos interesantes como as miniaplicacións que se poden superpoñer sobre calquera outra.
Falamos de calculadora, gravadora de sons, navegador lixeiro… e outras moitas ferramentas que poden ser instaladas desde a Play Store.
Destaca a inclusión de xLoud e ClearAudio+, dous estándares de Sony para o audio que melloran a sonorabilidade tanto cando o terminal funciona cos altofalantes propios como ao conectar uns auriculares. Parello a isto, trae preinstalada a aplicación Walkman como reprodutor, un clásico nos dispositivos Sony. Doutra banda, no eido dos xogos conta con certificación PlayStation.
Somerxibilidade
Como apuntamos antes, o teléfono é resitente a pequenas inclemencias, como pó ou area, pequenos golpes e auga. Neste senso, resiste media hora somerxido a un metro de profundidade, aínda que hai que tomar certas precaucións.
Para comezar, só aseguran resistencia á auga doce. Quere isto dicir que non resiste a auga do mar? Obviamente si, pero se nos din o tema da auga doce é porque a salitre é altamente dañina para os trebellos.
Doutra banda, hai que coidar que todas as tapas dos conectores estén ben pechadas para que estes non se humedezan e, obviamente pode ir “un pouco máis abaixo dun metro” para un somerxemento rápido.En canto a usos somerxido poderíamos falar basicamente de ver vídeos ou tomar fotografías, porque a pantalla non responde ben neste ambiente, aínda que si algo mellor por exemplo nunha ducha (é dicir, cando non se atopa totalmente somerxido).

Un problema que atopamos é que logo de somerxilo, e até que non queda seco completamente (deixando que seque só), o funcionamento dos altofalantes é reguleiro, polo que o volume, tanto se reproducimos algo como o ton de chamada é realmente baixo.
Cámara
Chegamos a un dos puntos fortes de Sony por excelencia, a cámara. No caso do Z, o fabricante xaponés decidiu integrar un sensor Exmor RS de 13 megapíxeles para a traseira, con enfoque automático e flash LED, e un Exmor R de 2 megapíxeles para a frontal.
Os resultados son certamente sobresaíntes, mais peca un pouco de falta de ferramentas de postprocesado, sobre todo se comparamos coa cámara do Galaxy S4, que tamén integra un sensor fabricado por Sony.
A continuación podedes ver unha serie de imaxes captadas co móbil:

Contraste movemento – detalle preto
Exterior normal
Panorámica
Detalle preto
Interior con zoom ao máximo

 

Batería
Un aspecto que nos sorprendeu gratamente foi a batería. O Sony Xperia Z integra unha pila interna de 2330 mAh, coa que consegue unha autonomía que nos permite chegar sen problemas ao día e medio de uso.
Ademais dispón dun modo de aforro enerxético por software, tamén presente noutros Sony (Stamina), que non é máis que un “capa funcións” coas que consegue alongar a duración da batería a costa de non manter unha conexión de datos constante en segundo plano, entre outros.
Conclusións
Non cabe a menor dúbida que estamos ante un terminal referencia e que compite na liga dos grandes dispositivos. Non faltan detalles neste terminal movido por un procesador de 4 núcleos a 1,5 GHz, 16 GB de memoria interna (ampliábeis) e 2 GB de memoria RAM.
Entre todos os sensores destaca o NFC que, se ben é certo que está presente en toda a gama media-alta que está saíndo con Android, Sony soubo sacarlle proveito coas Smart Tags, que xa probamos o ano pasado para o blog. Tamén é relevante a súa compatibilidade coas redes LTE-4G operativas no noso país e a presenza de indicador LED para as notificacións.En definitiva, o Sony Xperia Z é un smartphone altamente recomendábel, unha aposta segura, que podemos mercar por arredor de 600 euros no mercado libre ou financiado con varios operadores.

Sobre o autor

No Responses

Reply