Todo o que cremos saber sobre o Samsung Galaxy S6

galaxy s6 concepto

Co Mobile World Congress quecendo motores anímase a rumoroloxía sobre novos terminais. Todo parece indicar a estas alturas que o evento deste ano será algo grande, e que serán varios os fabricantes que se animarán a descubrir os seus trebellos de referencia, como HTC, Huawei, Sony ou Samsung, aínda que polo de agora só podemos dar por seguro o de HTC, que xa enviou os convites.

No caso de Samsung, hai moito interese por saber como será o novo Galaxy S6. Non é para menos, xa que o fabricante surcoreano ten as cousas máis difíciles que de costume, xa que agora ten que lidar cunha competencia que se está a poñer as pilas e, sobre todo, coas ducias de empresas chinesas que están a axitar o mercado con trebellos de prezos baixos e características de infarto.

Se xuntamos todas as informacións que foron xurdindo arredor do S6 até o de agora, e o que moitas agardamos da compañía, o novo dispositivo marcaría as diferenzas, mellorando a experiencia premium que en certa medida foron conseguindo nos últimos tempos e, sobre todo, a experiencia software de usuario.

Comezando polo deseño e os acabados, todo apunta ao metal e/ou cristal. Isto tamén acontecía antes de ter sido presentado o Galaxy S5, polo que hai que tomalo con pinzas. O que practicamente dáse por feito é que haberá cambios medianamente importantes en canto a deseño, apostando por un dispositivo sen batería extraíbel de apenas 7 mm de grosor e que conservará o botón central frontal, marca da casa. Será resistente á auga (IP68) e terá lector de pegadas dixitais por contacto e non por desprazamento como o actual S5 ou Note 4, entre outros.

Pasando ao interior, o máis seguro é que vexamos dúas versións atendendo ao procesador, unha co Exynos 7420 e outra (a que chegará a Europa) co último de Qualcomm, o Snapdragon 810. En canto a RAM, os 3 GB están máis ca asegurados para poder responder a calquera cousa que lle pidamos ao móbil, aínda que quizais poderían apostar xa polos 4 GB. As opcións de memoria interna serían de 32, 64 e 128 GB

Para a pantalla terían escollido un panel SuperAMOLED QuadHD, cunha resolución de 2560 x 1440 píxeles. Hai dúbidas sobre o tamaño, aínda que a opción das 5,2 polgadas é a que soa con máis forza, xa que serviría para marcar diferenzas co Note 4, de 5,7. Vén con tecnoloxía Gorilla Glass 4. Tamén se dá por segura unha versión alternativa con pantalla cuvada, ao estilo do Galaxy Note Edge.

No apartado de fotografía seguramente vexamos sensores fabricados por Sony, de 16 ou 20 Mpx. En calquera caso, habería que ver como é a mellora en canto a calidade, xa que como temos comentado para varias veces no blog non hai unha relación directa entre “máis megapíxeles” e “maior calidade”, posto que o procesado fai variar moito os resultados entre terminais que empregan a mesma cámara.

Non habería moitos cambios en canto autonomía, cunha batería interna que se situaría arredor dos 3000 mAh. Habería que ver que tal responden coa pantalla QuadHD, xa que como este aspecto é crítico por exemplo no LG G3.

Finalmente toca falar de software. O Galaxy S6 chegará con Android 5.0 Lollipop de serie, como é obvio, pero tamén coa súa capa TouchWiz escrita practicamente de cero para corrixir erros e estar optimizada para aproveitar ao 100% as características hardware. Con todo, é evidente que chegará con moitas solucións propias para a saúde e seguridade (Knox), para seguir traballando para posicionarse no sector empresarial, orfo tras a decadencia de BlackBerry.

Que pensades do novo dispositivo de Samsung? Conseguirá estar á altura? Será presentado no MWC?

No Responses

Deixa un Comentario