Pode que haxa moito hype co Galaxy S6 ou pode que realmente Samsung teña gardado un as na manga e o 1 de marzo presente algo realmente espectacular. Hai uns días debullamos algunhas das cuestións que levan ao fabricante surcoreano a non perder a ocasión de sorprender, entre as que sen dúbida está a cámara.
Neste senso, no blog da compañía publicaron un artigo no que aseguran que a próxima xeración de dispositivos Samsung farán especial fincapé na cámara, para conseguir que sexa un elemento “que capte a realidade tal e como a ven os nosos ollos”.
Falan de cámaras máis intelixentes, que farán que as usuarias non teñan que preocuparse de nada máis que presionar o botón para disparar e conseguir os mellores resultados, mais tamén das lentes frontais, tantas veces esquecidas e que cada vez teñen máis importancia pola moda selfie.
Serán capaces de conseguilo?