Samsung xógase todo co Galaxy S6

convite galaxy s6

Barcelona, 1 de marzo. Esa data está marcada en vermello no calendario de Samsung. Non é a primeira vez que o fabricante coreano presenta o seu flagship na cidade catalana, sede do Mobile World Congress, pois aló viron a luz o Galaxy S II, o Galaxy S5 e, dentro de apenas un mes, o Galaxy S6.

Será o primeiro Unpacked do 2015, e todo apunta a que veremos tamén unha edición cos bordes curvos e un novo wearable con pantalla redonda, que seica son os que máis nos están a gustar ás usuarias. Toda esta rumoroloxía é resultado de sumar o que se foi filtrando e tratar de ver máis aló no convite, como se amosa nesta recreación:

galaxy s6 edge convite

Sexa como for, Samsung atópase nun momento crítico. Ten que facer algo diferente, marcar distancias cos demais. A marca xa non é abondo para vender, xa que nos dous últimos anos a competencia multiplicouse, fíxose feroz. Apareceron novos xogadores con terminais boísimos e prezos axustados ao tempo que outras grandes firmas innovaron e conseguiron mellorar a súa reputación, gañando a confianza de moitas usuarias.

É por iso que as vellas receitas agora non valen, e Samsung sábeo. Por iso todo apunta a que o Galaxy S6 podería ser o terminal que marque a diferenza e volva situar á marca á cabeza das alternativas que apostan por Android. As máis optimistas cren que será un trebello que revolucionará o mercado, mais nos preferimos ser cautos e agardar a velo cos nosos propios ollos.

Con todo, hai aspectos que xa sabemos que serán mellores. Eis algunhas chaves:

TouchWiz

A capa de personalización de Samsung, TouchWiz, xa é marca oficial da casa, ao tempo que un dos maiores quebradeiros de cabeza para a compañía e fonte de queixas do máis diverso. Non é para menos, a día de hoxe non foron quen de corrixir certos lags inadmisíbeis nos seus gama alta, por exemplo á hora de entrar na galería de imaxes.

touchwiz

A parte estética tampouco é que sufrira un cambio radical ao longo dos anos, como podemos ver nestas capturas, agás no Galaxy S5, que certamente principiou unha nova época.

touchwiz 2

touchwiz 3

touchwiz 4

touchwiz 5

touchwiz 6

Para solucionar todos estes problemas todo apunta a que Galaxy S6 virá coa capa TouchWiz feita de cero, para corrixir os erros derivados de ir aplicando actualizacións sobre un código que, de primeiras, non estaba optimizado para aproveitar ao 100%  o hardware dos dispositivos.

Deseño e acabados

carcasa metal s6

Sen entrar a valorar o pouco glamour de sacar unhas fotos nun mexadoiro, as últimas filtracións parecen indicar que os metais terán un alto protagonismo no Galaxy S6.

carcasa metal s6 2

Sen dúbida o deseño e os acabados é outro dos asuntos chave para Samsung. Ano tras ano foron moitas as críticas polos materiais usados, malia que a marca fixo caso omiso apostando polo plástico no canto do cristal ou metal, tendencias seguidas por varios fabricantes.

Coque-Samsung-Galaxy-S6

Razón tampouco lles falta aos coreanos, pois o plástico é moito máis lixeiro e resistente (sobre todo pensando en trebellos con pantallas grandes), malia ter como principal punto negativo a perda desa sensación de produto premium que todas agardamos dun dispositivo polo que pagamos 600 euros. Novamente o S5 marcou distancias do seu predecesor, cun acabado en plástico imitando coiro bastante conseguido, pero o S6 podería copiar a tendencia do Galaxy Alpha e ser o Galaxy S que iniciase unha nova época para a compañía.

funda spigen s6

En canto a deseño, as supostas imaxes filtradas de fundas Spigen para o S6 deixan intuír poucos cambios radicais, con características moi definitorias da casa, pero os esquemáticos apuntan a un trebello que será bastante fino: 6,91 mm.

Samsung-Galaxy-S6-schematics-1

O momento e Exynos

Non está claro que procesador vai incluír finalmente Samsung no seu Galaxy S6. Os comentarios sobre o quecemento do novo Qualcomm Snapdragon 810, sumados á confirmación dun directivo da empresa fabricante de procesadores indicando que este ano “perden un gran cliente”, fan que todo apunte a que Samsung apostará polos seus propios procesadores Exynos, concretamente o Exynos 7420.

samsung exynos

Tampouco sería de extranar que finalmente recorreran á práctica habitual de ter versións con diferentes procesadores, en cuxo caso en Europa teríamos o Qualcomm. Ao fin e ao cabo, entre que se presente o terminal e se poña á venda pode haber tempo a cambios.

Resto de especificacións e prezos

Os ruxe – ruxe sobre o resto de especificacións son en grande medida bastante obvios, e pasan por unha mellora sustancial de todas as compoñentes: pantalla de 5,1 polgadas Quad HD Super AMOLED cunha densidade de 577 ppp, cámaras de 20 e 5 megapíxeles, 3 ou 4 GB de RAM, opcións de 32, 64, 128 GB, batería de 2550 mAh con carga sen fíos e 4 horas de autonomía con 10 minutos de carga, ademais de LTE Cat 6.

Xa para finalizar, os prezos que se manexan son os seguintes:

  • Samsung Galaxy S6 32 GB: 749 €
  • Samsung Galaxy S6 64 GB: 849 €
  • Samsung Galaxy S6 128 GB: 949 €
  • Samsung Galaxy S Edge 32 GB: 849 €
  • Samsung Galaxy S Edge 64 GB: 949 €
  • Samsung Galaxy S Edge 128 GB: 1049 €

Para saber canto hai de certo e canto de desexo haberá que agardar uns días. Nós xa estamos coa conta regresiva 🙂

Deixa un Comentario