Primeiras impresións do LG G4

lg g4

Hoxe en día son moitos os fabricantes que empregan Android nos seus trebellos, aínda que os máis populares seguen a contarse cos dedos das mans. Entre todos eles hai dúas marcas que, con moita distancia, destacan fronte a competencia con produtos novidosos, innovadores e diferentes: son as surcoreanas Samsung e LG.

Como xa sabedes, Samsung presentou o dúo Galaxy S6 / Galaxy S6 Edge no MWC, mais LG agardou a onte para dar a coñecer o seu flagship para este 2015, o LG G4. No artigo que publicamos onte co gallo da súa presentación puidestes ver que o novo trebello de LG destaca en varios aspectos, mais tres son os máis relevantes: acabados, experiencia de usuario e, sobre todo, a cámara. Neste artigo queremos falarvos das nosas primeiras impresións a pé de presentación, para que vos fagades unha pequena idea do que podemos agardar del.

lg g4 curvatura

Comecemos polo aspecto estético. Aínda que o LG G4 non supón un cambio radical fronte o seu predecesor, o G3, o certo hai pequenas melloras que en conxunto fan del un terminal moito mellor. A primeira delas é a presenza dunha pequena curvatura na pantalla que, sen ser tan acusada como a que ten o LG G Flex 2 (nin flexíbel), resulta atractiva pola experiencia envolvente que produce cando estamos a consumir contidos no smartphone, sobre todo multimedia.

acabados coiro

Non menos importante é o aspecto dos acabados, onde o plástico deixa de ser o protagonista desta gama premium para dar cabida a novos materiais. Temos opcións de metal, cerámica e coiro, aínda que na nosa opinión o mellor é o de coiro, que consegue non só un aspecto fermoso e agradábel ao tacto senón que ademais nos aforra ter que mercar unha funda que engorde o terminal. A sensación de tocar o acabado cerámica foi rara e fría, como tocar un lavabo. Literalmente. Imaxinamos que, de todos os xeitos, será unha opción só para mercados asiáticos.

lg g4 ceramica

Pasemos ao segundo punto, a experiencia de usuario. Sexamos francos, practicamente calquera smartphone de gama alta vai ter uns bos resultados de rendemento, pero é nos detalles e nesa chamada experiencia de usuario onde atopamos as diferenzas decisivas que nos farán decantarnos por unha ou outra opción. No caso do LG G4 temos Android 5.1 personalizado con coa nova capa de software LG UX 4.0, moi lixeira e pouca invasiva, con estética occidental e unha rea de opcións que melloran as características de Android stock. O G4 anticípase ás nosas necesidades, dispón de solucións que axudan a sermos máis produtivos e mantense alerta para optimizar o seu propio funcionamento.

Malia todo, vistos os aspectos estéticos e a experiencia de usuario, queda a parte máis importante, a cámara. O trebello integra un sensor principal de 16 megapíxeles, con apertura f1.8, estabilizador de imaxe e laser para focalizar. Ao lado do flash ten un detector de cor que serve para axustar a intensidade da luz e conseguir un resultado mellor. Todos estes aspectos, en conxunto, fan que consigamos mellores imaxes en todo tipo de situacións, aínda que especialmente naqueles momentos nos que a iluminación é peor, e marcando distancia coa mellor competencia do mercado (a.k.a iPhone 6 e Galaxy S6).

Temos que ter en conta tamén a presenza do modo manual que integra, que permite ás usuarias con coñecementos fotográficos sacar todo o partido á cámara, xa que con el podemos variar diferentes parámetros (balance de brancos, ISO, …). Isto é un puntazo, porque levamos meses descubrindo teléfonos con cámaras extraordinarias, pero que non nos daban a opción de sacar todo o partido que podían. LG vén de solucionalo de serie. Cremos, sinceramente, que calquera usuaria dun G4 terá ganas, se non sabe, de aprender técnicas de fotografía para disfrutar do seu teléfono ao máximo.

Resumidos estes aspectos, que foron os que máis chamaron a nosa atención neste primeiro achegamento, quedamos con ganas de probalo máis a fondo para ver como rende no día a día, algo que poderemos facer en breve e que, por suposto, contaremos na súa correspondente anáise. LG non tiña doado sorprender, pero fíxoo. E con nota.

Sobre o autor

Reply