Analizamos o bq Aquaris X5 con Cyanogen

Logo de terse consolidade como o fabricante español líder e ter conseguido facerse un importante (e crecente) oco nun mercado saturado e dominado por uns poucos xigantes, podemos dicir que bq acadou a madurez. Unha madurez coa que a empresa pode permitirse facer cousas diferentes a outros fabricantes, no senso do ir máis aló de ter un portfolio máis ou menos amplo de terminais.

bq aquaris x5 cyanogen - 1

Boa mostra dilo son os acordos con importantes socios para sacar terminais especiais, como un trebello con Ubuntu (o bq Ubuntu Phone), un dispositivo Android One (o bq Aquaris A4.5)  ou o que temos hoxe para analizar: o bq Aquaris X5, na súa versión con Cyanogen OS.

Deseño, acabado e conexións

É evidente que o primeiro que nos chama a atención dun dispositivo é o seu aspecto físico, un aspecto polo que bq non sempre estivo preocupada. De feito moitos dos dispositivos fabricados até o de agora compartían deseño, o que por unha banda axuda a identificalos coa marca, mais por outro lado evidencia certa monotonía. A historia muda co Aquaris X5, que xa conta cunhas liñas moito máis coidadas.

Atrás quedan os cortes rectos para pasar a ter unhas liñas máis redondeadas, que xunto cos acabados metálicos nos laterias e plástico de alta calidade na parte traseira achegan unha sensación premium nunca vista na compañía, algo que como consumidores agradecemos.

bq aquaris x5 cyanogen - 3

A situación do botón de acendido e dos controis de volume na zona central do lateral dereito resultan moi acertados para manexar o trebello cunha soa man. Nese mesmo lateral temos unha bandexa extraíbel para a tarxeta de memoria e, no lado contrario, outra para introducir as dúas tarxetas nanoSIM que admite. Na parte inferior está o microUSB xunto a un altofalante que nos lembra bastante ao do Samsung Galaxy S6, e na parte superior o conector jack 3.5 de audio. Por detrás unicamente temos a cámara principal, situada ao carón dun flash LED dobre.

Hardware e rendemento

No interior do dispositivo atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 412 a 1,4 GHz con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna. En xeral este hardware resulta abondo para os usos cotiás do teléfono, máis aquelas funcións que requiren máis potencia, como aplicacións pesadas ou xogos, cáusanlle certo deterioro no rendemento, comezando a encadenar lags.

No seu momento bq anunciou ter previsto unha versión con maior memoria RAM (3 GB) e memoria interna (32 GB), mais polo de agora non se sabe nada do tema. Imaxinamos que será lanzada a comezos do ano que vén.

Sistema operativo

O sistema operativo que integra este trebello é un dos aspectos diferencias deste terminal. bq elaborou dúas versións do trebello, unha con Android e outra con Cyanogen, que foi o que probamos. Cyanogen OS está baseado en Android e permítenos ter máis opcións sobre o noso dispositivo, entre elas a posibilidade de xestionar máis aspectos relacionados coa privacidade, mais tamén outros que teñen a ver coa personalización, entre eles os temas.

bq aquaris x5 cyanogen - 2

En calquera caso, ambos modelos (Android e Cyanogen) están validados por Google e dispoñen das Google Apps xa preinstaladas (Play Store, Gmail, …). Daquela… compensa esta versión sobre a Android? Ambos os dous teñen un compartamento semellante, polo que as únicas diferenzas entre un e outro son as que comentamos no parágrafo anterior. Deste xeito, se temos interese en andar tocando esas cousas, a versión con Cyanogen pode sernos máis acaída.

De todos os xeitos, e pensando que a escolla non se convirta nun problema, a compañía anunciou unha ferramenta para convertir a versión Android en Cyanogen e viceversa, polo que dará igual cal merquemos, pois sempre poderemos pasarnos ao outro.

Pantalla

A pantalla, de 5 polgadas, é un panel HD cunha resolución de 1280 x 720 píxeles (294 ppp), e certamente ten unha boa calidade de imaxe e un brillo que nos permite empregar o dispositivo con boa visibilidade en todo tipo de situacións. Porén, non dispón de mecanismos para xestión automática do brillo, polo que debemos acceder á barra de notificación a mudalo cada vez que o precisemos.

Tería sido bo ter introducido unha pantalla cunha densidade de píxeles maior, aínda que isto tería derivado nun maior custe económico que rompería coa filosofía do terminal, polo que seguramente a escolla deste modelo de pantalla debe ter sido o máis acertado.

Cámara

O apartado fotográfico é un dos máis febles do terminal. Sobre o papel resulta moi atractivo termos como cámara principal un sensor Sony IMX214 de 13 megapíxeles con flash dual e autofocus, e un modelo Samsung 5E2 de 5 megapíxeles como cámara frontal. Mais na práctica, obter uns bos resultados vai depender en grande medida de que as condicións sexan as óptimas; se o son teremos imaxes boas, senón, veremos como se empobrecen bastante.

A experiencia co flash é semellante a todos os gama media: crean unha atmosfera demasiado artificial que queima as imaxes, aínda que nos pode sacar de máis dun apuro.

bq aquaris x5 cyanogen - flickr

No noso perfil de Flickr podedes atopar unhas cantas imaxes tomdas co terminal para que poidades valorar por vós mesmas.

Batería

A batería é de 2900 mAh, unha cifra habitual nun trebello destas dimensións e características. Porén o seu rendemento é espectacular, do mellor que temos visto nos móbiles que probamos ao longo deste ano, xa que nos permite xa non só afrontar longas xornadas sen pasar polo cargador, senón que ademais exixíndolle de todo, mesmo varias horas de tethering.

Conclusións

O dispositivo é unha das mellores opcións da súa gama, tanto pola calidade dos seus acabados exteriores como polas súas prestacións hardware e rendemento en xeral. A pantalla e a batería son dous dos aspectos máis destacados do terminal, mentres que a cámara é un dos máis febles, aínda que puidera ser que a compañía lanzase unha actualización por software que a mellorase.

Custa 229 € e pode adquirse directamente na tenda en liña de bq, tanto na súa versión Android como na Cyanogen.

Sobre o autor

Reply