CAT S50C, o novo terminal de Caterpillar

Xa había ben tempo que non falabamos no blog dos teléfonos todoterreo de Caterpillar, a quen moitas de vós seguramente recoñezades polas inmensas máquinas, habituais nas obras de gran envergadura. Mais esta empresa ten desde hai algúns anos unha sección adicada a fabricar teléfonos ultrarresistentes, deseñados para traballar en condicións extremas, como ás que son sometidas as traballadoras da construción, da madeira, étc.

catepillar cat s50c - 1

Esta semana a compañía presentou o CAT S50c, o seu último smartphone con Android, cun deseño moi semellante ao resto do catálogo de terminais da empresa, e con especificacións de gama entrada – media.

O CAT S50S ten unha pantalla de 4,7 polgadas e no interior integra un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, acompañado de 1 GB de RAM e 8 GB de almacenaxe interna ampliábeis mediante tarxetas microSD. As cámaras son de 8 e 2 megapíxeles e a batería de 2630 mAh.

catepillar cat s50c - 2

Estas especificacións técnicas non nos sorprenden a día de hoxe, pero si os estándares de protección, como o militar MIL-SPEC 830G, que garante que é resistente a temperaturas extremas e fortes caídas e golpes. Tamén cumpre con IP67, de resistencia a pó e auga; de feito, a pantalla pode usarse baixo a choiva ou con neve, así como con luvas de até 4 mm de grosor.

O dispositivo, cunha clara vocación de terminal de traballo de sectores como os antes mencionados, vén con Android 5.0 Lollipop e véndese nos Estados Unidos por uns 360 euros ao cambio.

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply