Galaxy S7 Mini: prepara Samsung un irmán pequeno do S7?

Os dispositivos referenciais de Samsung están por riba das 5 polgadas de pantalla, un tamaño considerado óptimo para sacarlle todo o xugo aos trebellos que manexamos nestes días, cada vez máis funcionais. Porén, isto podería mudar, dado que existe un forte rumor (con moitas doses de entusiasmo, todo sexa dito) que apunta á existencia dun Samsung Galaxy S7 Mini, de 4,6 polgadas, que tería como público obxectivo aquelas persoas que seguen a preferir os trebellos pequenos.

Samsung apuntaríase así ao movemento iniciado por Sony hai algúns anos coas versións “Compact” dos seus Sony Xperia Z, ao tempo que se afastaría do concepto “Mini” que eles mesmos teñen empregado en varias ocasións: terminais con todas as especificacións recurtadas que acaban sendo (caros) gamas medias con nome de buque insignia.

A rumoroloxía agora apunta a que o principal cambio deste hipotético Samsung Galaxy S7 Mini estaría na pantalla, que baixaría ás 4,6 polgadas, iso si, tamén reducindo a súa resolución aos 1280 x 720 píxeles. Polo demais, conservaría o procesador (un Qualcomm Snapdragon 820 ou un Exynos 8890, dependendo do mercado), os 3 GB de memoria RAM e a cámara principal, de 12 megapíxeles.

Como con todos os rumores, sobre todo cando non hai imaxes que as avalen, hai que coller esta información con pinzas, sobre todo porque desta vez coincide coa rumoroloxía de que Apple lanzará, no evento programado para o 21 de marzo, o iPhone SE, que viría a ser unha versión reducida do iPhone 6.

Sexa verdade ou non, o certo é que son moitas as voces que lle teñen pedido a Samsung ese salto cualitativo nos terminais por baixo de 5 polgadas, de onde derivou o lanzamento da serie Galaxy A.  Agora ben, un Galaxy S7 Mini faría as delicias de moita xente, e podía servirlles para mellorar (aínda máis) o seu indiscutíbel reinado na gama alta Android. Vós que pensades?

Sobre o autor

Reply