Google Spaces, o novo invento de Google para compartir contido en grupo

Google vén de lanzar Google Spaces, unha especie de rede social que permite facer grupos cos que poder compartir contidos, como vídeo, imaxes, ligazóns e outros contidos grazas á integración de moitos servizos que ten a compañía distribuídos en diferentes espazos nun único lugar, incluíndo Chrome e YouTube.

google spaces - 3

As comparacións son obvias e estamos certas de que moitas porán a mirada en Google+, a pseudo rede social de Google caída en desgraza. Mais Spaces non vai por ese lado, senón que está máis orientado a ser empregado por grupos de persoas relativamente pequenos (ou comunidades) con intereses comúns, ou ben como ferramenta de organización de traballo ou de eventos, campos nos que lle vemos moitas potencialidades.

google spaces - 4

Compartir contidos en Spaces a través da web ou da aplicación e moi sinxelo, e non hai máis ca premer na icona da frecha, abríndose unha pequena ventá a modo de navegador integrado no que podemos buscar os contidos. Estes contidos poden ser ligazóns, que poderemos previsualizar, así como imaxes (directamente desde Google Fotos ou desde o disco do noso dispositivo), vídeos de YouTube ou simplemente texto.

Unha vez compartidos estes contidos xa estarán a disposición do resto de usuarias do grupo, que poderán facer comentarios sobre os mesmos. Ademais, como vantaxe, pódese manter unha conversa ou chat en tempo real á vez que se están a visualizar os contidos.

 

Pódese acceder a Google Spaces para empezar a traballar con el desde http://spaces.google.com ou coa aplicación, dispoñíbel gratuitamente na Play Store.

Deixa un Comentario