1 GB de datos adicionais por usar a MasterCard? En Alemania xa se aplica

As colaboracións entre diferentes compañías é algo habitual, e que pode dar moitas vantaxes ás usuarias. Nesta liña, as principais operadoras de telefonía móbil teñen acordos con outras empresas que permiten aforrar en viaxes, restaurantes e mesmo na compra de seguros, por poñer algúns exemplos.

En Alemania, a operadora O2 e MasterCard veñen de asinar un acordo que permite ás usuarias da operadora recibir até 1 GB de datos móbiles adicionais por usar a tarxeta MasterCard nas súas compras, o que estamos certas será un aliciente a maiores para escoller esta opción de pagamento fronte, por exemplo, unha Visa.

Malia que puidera parecer que isto ten como obxectivo potenciar os pagamentos móbiles, o certo é que a promoción aplícase tanto a pagos feitos coa tarxeta MasterCard física como aos que se puideran facer cos sistemas de pago móbil coa mesma tarxeta, polo que as usuarias sempre sairían beneficiadas, fose cal fose o sistema de pago elixido.

Que vos parecen este tipo de promocións? Gustaríavos que a vosa operadora tivese algún acordo semellante?

Deixa un Comentario