Analizamos o Moto G4, un dos mellores móbiles en relación calidade / prezo

moto-g4-1

Por fin traemos a nosa análise do Moto G4, a última versión da saga máis popular de Motorola. Nesta ocasión Lenovo apostou por lanzar dúas versións do modelo, unha básica – o Moto G4 – e outra máis premium, o Moto G4 Plus, cuxo principal punto diferencial é a presenza dun lector de pegadas dixitais.

O Moto G4 confirma tamén a aposta de Lenovo por ofrecer un dispositivo de pantalla grande (estamos a falar de 5,5 polgadas) e replantexarse todo o tema da resistencia a pó e auga. A pesar de que o Moto G3 podía somerxerse na auga, nesta ocasión unicamente é quen de resistir salpicaduras ou pequenos derrames que se poidan producir, por exemplo, cando cae unha bebida sobre a mesa.

Queredes saber máis? Seguide lendo este artigo para coñecer a fondo a cuarta xeración do Moto G.

Deseño, acabado e conexións

O Moto G4 é un dispositivo sobrio, moi parecido a algunha versión anterior, aínda que máis estilizado e suavizado. As esquinas e os bordes están lixeiramente redondeadas, facilitando o seu agarre, e mirándoo de fronte semella case simétrico en ambos sentidos.

Malia ter un aspecto claramente unibody, a súa tapa traseira é extraíbel, e tras ela poderemos atopar os espazos para 2 tarxetas microSIM e unha tarxeta microSD coa que poderemos expandir a súa memoria. A batería non é extraíbel, aínda que semella que non debe ser moi difícil cambiala contando coas ferramentas axeitadas.

moto-g4-6

Indo xa á parte exterior, na parte superior atopámonos, centrado, o conector jack 3.5 de audio e na inferior o microUSB. Todos os botóns, acendido e controis de volume, quedan no lateral dereito do dispositivo. Na parte traseira temos a cámara xunto co seu flash LED, así como a icona de Motorola lixeiramente afundida.

moto-g4-5

Os acabados son en plástico, rugoso na tapa traseira e máis duro e imitando ao aluminio en todos os marcos. Chaman a atención ao tacto os botóns de acendido e o cotnrol de volume, xa que o primeiro ten un acabado rugoso para diferencialo intuitivamente do de volume, un detalle que nos pareceu bastante relevante.

Hardware e rendemento

No interior do Moto G4 temos un procesador Qualcomm Snapdragon 617 de oito núcleos, dos cales catro son Cortex A-53 a 1,5 GHz e outros catro Cortex A-53 a 1,2 GHz, xunto unha GPU Adreno, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante microSD de até 256 GB.

Conta con case todo o necesario para a conectividade, como dual SIM para poder empregar dúas tarxetas ao tempo, WiFi 802.11 a/b/g/n e de dobre banda, WiFi Direct, Bluetooth 4.0, 4G – LTE e xeoposicionamento mediante A-GPS e GLONASS.

Con estas características o dispositivo move ben todas as aplicacións habituais, aínda que ao non terlle posta unha tarxeta microSD tras dúas semanas de uso vimos que a memoria comezaba a quedar curta.

Pantalla

A batalla polo tamaño das pantallas está claramente gañado polas de gran tamaño. Lenovo sábeo e por iso o Moto G4 leva un panel IPS de 5,5 polgadas, con calidade 1920 x 1080 píxeles (401 píxeles por polgada). A verdade, é que deixando as cifras sobre o papel a un lado, a calidade da pantalla pareceunos moi boa, con brancos perfectos e alta densidade de píxeles.

Isto fai que sexa un trebello no que podemos consumir contidos multimedia con garantía de boa visión, tanto pola calidade como polos ángulos de visión, mais que tamén resulta cómodo para a lectura.

Cámara

Á hora de elixir un smartphone, as usuarias cada vez somos máis esixentes no apartado fotográfico. E é que a estas alturas xa non imaxinamos a nosa vida sen levar permanentemente unha cámara no noso peto coa que poder inmortalizar un momento da nosa vida. Motorola é, como todos os fabricantes, consciente desta desta circunstancia, polo que neste modelo prestoulle bastante atención.

moto-g4-3

Na cámara principal temos un sensor de 13 megapíxeles con apertura f/2.0 e autoenfoque, acompañada dun flash LED de dobre ton, que ademais permite gravar contidos en FullHD. A frontal é de 5 megapíxeles.

Os resultados parecéronnos de gran calidade, con fotos cunha gama de cores moi natural, especialmente nos entornos con boa iluminación, aínda que ben é certo que na escuridade hai veces que ten certa dificultade para enfocar.

Sorprendeunos gratamente o funcionamento do HDR e a inclusión duns axustes manuais facilmente accesíbeis. Ademais a propia aplicación de cámara é capaz de ler códigos de barras ou QRs, eliminando a necesidade de ter instalada unha aplicación de terceiros a tal fin.

Podedes ver algúns resultados de iamxes sacadas con este dispositivo na nosa galería de Flickr.

Batería

Estamos impresionadas. A batería do Moto G4 é de 3000 mAh, con sistema de carga rápida de Qualcomm e non extraíbel. Con ela acadamos en varias ocasións os dous días de uso medinamente intenso, e chegamos á casa polas noites sobradas de batería, aínda que o día fose intenso.

moto-g4-2

Cremos que estamos ante o dispositivo que mellor aproveita os 3000 mAh de capacidade con ese tamaño de pantalla de todos os que levamos probado até o de agora, o cal non é cuestión menor.

É moi interesante que sexa compatíbel cos sistemas de carga rápida, aínda que na súa contra xoga que na caixa na que se comercializa non traia un cargador destas características, de maneira que se queremos carga rápida teremos que facernos nós cun cargador acorde.

Software

Unha das características inconfundíbeis dos Moto G é o seu software. Lenovo seguiu coa aposta por ter unha interface limpa, practicamente sen tocar a versión de Android stock. Os pequenos cambios que ten a interface, Moto UI, vémolos nalgún widget como o do reloxo ou na presenza dalgunha aplicación propia.

O máis destacado neste caso é Ambient Display, o sistema de notificacións que vén empregando Motorola nos últimos trebellos e que cada vez máis fabricantes implementan nos seus trebellos. Con Ambient Display, ao recibir notificacións ilumínanse as notificacións na pantalla sobre o fondo negro, e o mesmo ocorre cando collemos o dispositivo na man despois de estar en reposo, o que evita desbloqueos ou acendidos da pantalla manuais innecesarios.

Conclusións

Tras estar probando o terminal durante dúas semanas temos que dicir que o trebello superou as nosas espectativas. A súa autonomía, as melloras na cámara, a boa pantalla e, sobre todo, o ter Android practicamente puro son os aspectos que máis nos gustaron dun Moto G4 no que só cambiaríamos os acabados para que ofrecese unha sensación máis premium.

moto-g4-4

Está dispoñíbel en branco ou negro por 189 € en Amazon, un prezo moi acorde ás características que ofrece.

Sobre o autor

Reply