Analizamos o Samsung Galaxy Note8

Os grandes fabricantes fóronnos acustumando ao longo dos últimos tempos a termos dous dispositivos de gama alta por ano, un deles orientado ao público máis masivo que busca un bo terminal e outro modelo máis ambicioso, pensando naquelas persoas que preicsan un plus extra.

No caso de Samsung, logo de ter coeñcido os Galaxy S8 / S8+ na primeira metade do ano, o Galaxy Note8 vén a ser a guinda coa que o fabricante surcoreano pecha un ano redondo, no que os seus terminais deron un importante paso adiante e, tamén, no que foron quen de sobrepoñerse ao “Note7gate” superando todas as espectivas.

Porén, ao contrario do acontecido anos atrás, as diferenzas entre o Galaxy S8+ e o Note8 son escasas mais, á vez, notábeis. Ao longo desta análise imos pór o foco nas que, ao noso xuízo, son as máis chamativas e marcan a diferenza.

Deseño, acabado e conexións

Se hai que buscarlle un parecido ao Note8 ese é o S8+. Samsung parece ter dado coa clave diferenciadora, esa pantalla infinita curvada en ambos laterais. O Note8 conserva en gran medida esas liña de deseño, aínda que coas esquinas menos redondeadas, o que dá unha sensación ter un dispositivo algo máis cadrado e grande. O grao de curvatura da pantalla tamén é un chisco inferior á do S8+, quizais para aproveitar mellor o espazo e o uso da mesma ou, quizais, polas necesidades de albergar un S-Pen no seu interior.

Malia ter medrado o tamaño da súa pantalla en 0,1 polgadas, o trebello segue a ser un modelo manexábel, pois ofrece esas 6,3 polgadas no corpo dos primeiros dispositivos de 5,5 polgadas, o que fai que poidamos levalo no peto sen maiores problemas.

Na parte frontal desapareceron todos os botóns, principal diferenza cos predecesores da saga Note. Os que quedan, están repartidos do seguinte xeito: no lateral dereito temos o botón de acendido e no esquerdo os controis de volume e o acceso a Bixby (ai, Bixby!). En canto a conectores, por abaixo temos o USB-C, o jack de audio 3.5 mm e o espazo para o S-Pen, mentres que na parte de arriba está a bandexa extraíbel para a tarxeta SIM + microSD.

Na parte traseira temos  o lector de pegadas dixitais, nunha situación que levanta amores e odios a partes iguais, e que a nós non nos parece tan desacertada. Xunto a el, a cámara, que desta vez está formada por un sensor dobre, sendo un dos primeiros modelos de Samsung (e o primeiro de primeira liña) en empregar esta tecnoloxía.

En definitiva, falando de deseño, estamos ante un modelo premium tanto polo coidado dos detalles como polos materiais empregados, xa que está fabricado nunha combinación de cristal e metal que encaixan á perfección coa imaxe que Samsung quere transmitir ao mundo nos seus últimos dispositivos.

Hardware e rendemento

Se os parecidos entre o S8+ e o Note8 son evidentes por fóra, por dentro estamos ante un teléfono practicamente idéntico. O Note8 leva o mesmo procesador que o S8+, o Exynos 8895 (no noso mercado, pois nalgúns países comercialízase co Qualcomm Snapdragon 835), aínda que desta vez vendo como a RAM medra até os 6 GB, e iso nótase no rendemento xeral do dispositivo, malia que cos 4 GB xa ía de luxo.

A memoria interna mantense nunha única versión de 64 GB (51 libres para as usuarias), ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 256 GB. Tamén leva WiFi de dobre banda, Bluetooth 5.0, ANT+, USB Tipo C, GPS (Glonass e Galileo) e dobre sensor biométrico, lector de pegadas por un lado e iris polo outro.

O Samsung Galaxy Note8 pode con todo o que lle boten, ofrecendo así unha experiencia sempre de 10, tanto ao facer as cousas máis básicas como cando queremos sacarlle todo o xugo con aplicacións ou (sobre todo) xogos que exixen un gran rendemento.

Pantalla

É a pantalla do Samsung Galaxy Note8 a mellor pantalla de 2017? Desde logo, ten todos os números. Como xa comentamos, trátase dun panel de 6,3 polgadas con relación de aspecto 18,5:9 e resolución WQHD+, aínda que por defecto vén configurado a FHD+ (22220 x 1080 íxeles) e pode baixarse até HD+ se se desexa aforrar batería, aínda que desde aquí non o recomendaríamos pola perda de nitidez.

A calidade do panel salta á vista, con imaxes de cores nítidas e chamativas, que destacan polo seu realismo. Así mesmo, tamén cabe destacar o nível de brillo conseguido e como a aplicación deste en entornos de moito sol (falamos de exteriores) non desvirtúa as cores orixinais. Por outro lado tamén hai que destacar os ángulos de visión, moi amplos para disfrutar dos contidos desde todos os lados.

Ao igual ca o Galaxy S8 / S8+, dispón de soporte para HDR, unha característica que cada vez cobra máis interese entre as usuarias ao tempo que van aparecendo máis plataformas que o implementan, nomeadamente Netflix e YouTube.

Finalmente, e antes de pasar a falar do seguinte aspecto analizado, case esquecemos falar da súa curvatura. Samsung repite estratexia apostando por unha pantalla infinita curvada na que os marcos son cousa do pasado (agás na parte superior e inferior), ofrecendo así unha sensación moito máis inmersiva que o resto da competencia (inclusive quen ofrece pantallas case sen marcos pero mantén a súa rectitude.

Cámara

A cámara é, xunto co S-Pen, o principal factor que marca a diferenza entre o Note8 e o S8+. Como xa avanzamos, trátase do primeiro modelo de Samsung na gama alta que ofrece a configuración de dobre cámara na parte traseira, sumándose así á tendencia que está a impór a industria do móbil.

En calquera caso, cada fabricante fai un uso diferente das cámaras duais, reinterpretando os resultados. No caso do Note8 dispoñemos de dous sensores de 12 megapíxeles, aínda que diferentes. O principal é o mesmo que o que podemos atopar no S8 / S8+, con tecnoloxía Dual Pixel e apertura f/1.7, mentres que o secundario ten unha apertura f/2.4. O resultado desta combinación témola no enfoque dinámico, facendo que as imaxes tipo retrato teñan unha calidade moi superior a se tivéramos empregado un zoom dixital.

Como xa comentamos á hora de analizar o S8+, os resultados da cámara son moi bos e en condicións lumínicas malas houbo certa melloría entre ambos terminais, o que fai que sexa unha cámara aínda máis atractica. As usuarias máis avanzadas poden xogar ademais coas opcións “pro”, que permiten xestionar os diferentes parámetros de maneira manual para conseguir mellores resultados se temos coñecementos acaídos.

Coa dobre cámara podemos, como xa dixemos, mellorar as fotos tipo retrato. Para iso podemos premer o botón x2 que aparecen a cámara, achegando así o obxecto que teñamos para sacar unha foto máis de preto sen perder o enfoque.

Por outro lado está a función “enfoque dinámico”, grazas ao cal podemos xogar co desenfoque que queremos arredor do obxecto ou persoa principal, creando un efecto realmente chamativo e atractivo (en calquera caso, a intensidade do desenfoque tamén a podemos seleccionar logo de ter sacado a foto). Usando este modo temos tamén a opción de seleccionar a “captura dual”, que fai dúas fotos ao mesmo tempo, unha tipo retrato e outra angular.

A nível vídeo tamén é unha cámara que destaca, admitindo a gravación de vídeo en 4K a 30 fps. Porén, hai moitas informacións que apuntan a que Samsung estaría traballando nunha actualización de software que permitiría elevar esta cifra até os 60 fps.

En resumo, a cámara do Galaxy Note8 sitúase entre as mellores cámaras que podemos atopar nun móbil este ano e os pequenos avances levados a cabo desde o Galaxy S8+ supoñen un paso máis no achegamento á cámara “perfecta”, aínda que como iremos vendo nos próximos meses sempre vai haber marxe de mellora.

Batería

A batería do Note8 é de 3.300 mAh, 200 mAh menos que os que podemos atopar no Galaxy S8+. A xustificación deste descenso da capacidade está na necesidade de integrar o S-Pen no dispositivo, mais tamén nun marxe de seguridade adicional logo de todo o acontecido coas baterías do Note7.

Malia todo, sorprendeunos para ben que, curiosamente, durante as semanas que estivemos probando o trebello experimentamos que a autonomía real é un pouco superior á que atopamos no Galaxy S8+, a pesar de ter eses 200 mAh menos de capacidade..

En calquera caso, é unha batería pouco ambiciosa, que efectivamente chega para acabar o día, aínda que sen grandes luxos, e tendo que facer uso da carga rápida para darlle ao teléfono unha dose extra de enerxía para acabar o día se tivemos unha xornada moi intensa.

Software, S-Pen e Bixby

Imos co software. O teléfono vén con Android 7.1.1, aínda que obviamente é dos modelos de Samsung que vai recibir a actualización a Android 8 Oreo. No momento de facer esta review non hai unha data prevista para esta actualización, aínda que hai varias versión beta xa dispoñíbeis.

Sobre Android temos a capa propia Samsung Experience 8.5, da que xa falamos cando analizamos o Galaxy S8+, e que apenas ten diferenzas nesta versión. Polo tanto, nesta análise imos centrarnos nos aspectos software que marcan a diferenza, polo que imos falar do S-Pen.

O S-Pen é a marca característica da familia Note desde a súa orixe, e desta vez non ía ser diferente. A súa punta, de 0,7 mm, é capaz de recoñecer até 4096 níveis de presión diferentes e pode empregarse todo o que se queira sen necesidade de cargalo ou baixo a auga, pois ten resistencia IP68, ao igual ca o propio teléfono.

Estre as súas funcións máis básicas está a de tomar notas a man, mesmo coa pantalla apagada e o teléfono bloqueado. Isto resulta moi interesante para tomar notas rápidas, que incluso poderemos fixar na pantalla Always On para non esquecernos ou telas presentes.

Pero hai moito máis. Ao sacar o S-Pen do seu oco no teléfono ábrense un mundo de posibilidades e aparece o Air Command. Trátase dunha serie de accesos directos a funcionalidades que sacan partido ao stylus de Samsung: crear unha nota, seleccionar parte da pantalla para crear recortes, facer unha captura e anotacións sobre ela, seleccionar palabras para traducir ou crear unha mensaxe animada en forma de GIF que logo podemos compartir cos nosos contactos.

Outra das opcións que permite o S-Pen é previsualizar contidos de diferentes aplicacións. Samsung chámalle a isto Air View e basicamente fai que revisar a nosa axenda, o contido dun album ou facer scroll sexa moito máis áxil ca sen o lapis.

Xa por último e para pechar o capítulo adicado ao software, temos que falar de Bixby. O pretencioso asistente de Samsung segue a ser unha ferramenta que ten máis de futuríbel que de algo concreto. Cando foi presentado, xunto aos S8 / S8+ falábase de que sería quen de facer unha chea de cousas, pero o certo é que a día de hoxe segue sen estar dispoñíbel en máis idiomas ca o inglés e o coreano e a súa utilidade limítase a ser un timeline no que podemos ver o tempo, revisar as notas que teñamos na axenda e ser un feed de novas con contidos detacados das redes sociais.

Ao noso entender, fáltalle aínda moita madurez e Samsung fica neste sentido bastante por detrás de Google co seu Assistant e de Apple co seu Siri, e mais se temos unha tecla física unicamente destinada ao seu uso.

Conclusións

É o Galaxy Note8 o mellor teléfono de Samsung presentado até o día de hoxe? Non nos cabe a mellor dúbida. Isto pode semellar unha obviedade, mais o certo é que cando pasou pola nosa mesa de análises o S8+ consideramos que estabamos ante un dos mellores móbiles até a data, e hoxe o Note8 ponse un pasiño por diante.

Como xa explicamos, as diferenzas entre ambos modelos de Samsung non son moitas e, basicamente, redúcense ao S-Pen e á cámara, onde pasamos de ter unha cámara sobresaínte no S8 a ter unha de matrícula de honra no Note8. Con respecto ao S-Pen, Samsung segue a ser o único fabricante que realmente fai unha ferramenta útil para as usuarias máis avanzas, con funcionalidades clave para sacarlle partido ao hardware que leva o teléfono.

Polo tanto, visto todo, vale a pena pagar os 100 ou 150 euros que diferenzan un S8+ e un Note8? Como sempre, depende. Se é pola cámara diríamos que non, pois o S8+ xa conta cunha cámara xenial. Polo tanto, só cabería recomendar a compra dun Note8 fronte un S8+ se temos pensado usar o S-Pen.

O Samsung Galaxy Note8 ten un PVP de 1009 euros, aínda que é doado atopalo por algo menos en diversas tendas.

Sobre o autor

Reply