bq anuncia os novos Aquaris VS e Aquaris VS Plus, orientados á venda online

Hai uns días sóubose que bq medrou en vendas no ano 2017, consolidándose como o terceiro fabricante máis vendido no estado español, un éxito que debe a un portfolio de dispositivos composto polos Aquaris X / X Pro, Aquaris V / V Plus e  Aquaris U2.

A compañía vén de lanzar agora dous novos modelos, os Aquaris VS e Aquaris VS Plus, trebellos que comparten o mesmo espírito que a gama Aquaris V, tanto no deseño como as súas especificacións, cun prezo algo máis contido para chegar ao público máis novo con opcións de boa relación calidade / prezo.

O Aquaris VS ten unha pantalla HD de 5,2 polgadas, mentres que a do Aquaris VS Plus é FHD e chega até as 5,5 polgadas; en ambos casos rematan nunha lixeira curva 2.5D, aumentando así o atractivo lateral e mellorando a experiencia táctil.

No interior, ambos trebellos integran un procesador Qualcomm Snapdragon 430 (oito núcleos a 1,4 GHz), coas combinacións de 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ou 4 GB + 64 GB, no caso do VS, e unicamente a opción de 4 + 64 GB para o VS Plus.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira Sony BigPixel de 12 megapíxeles con apertura f/2.0, e unah frontal Samsung de 8 megapíxeles coa mesma apertura. Cabe destacar que dispón de flash frontal, o que mellora notabelmente a calidade da iluminación para as selfies, en comparación con outros modelos semellantes da competencia.

A batería do Aquaris VS sitúase nos 3100 mAh de capacidade, e no VS Plus en 3400 mAh. En ambos casos temos carga rápida Quick Charge 3.0, aínda que non se inclúe cargador. Isto explicaría o aforro no prezo do terminal, dado que os Aquaris V e V Plus, ao igual que toda a nova gama de bq, si que traen esta peza.

Finalmente cabe destacar que veñen con lector de pegadas dixitais e NFC. En canto a prezos, o Aquaris VS parte dos 179,90 € (32 + 3 GB), mentres que o Aquaris VS Plus custará 219,90 €. En ambos casos, a única cor dispoñíbel é o branco / dourado, e só se van poder mercar online.

Comparación cos Aquaris V e V Plus

Se os comparamos cos Aquaris V e V Plus veremos que hai unha serie de “recortes” nalgunhas características; en concreto, os VS e VS Plus perden as seguintes especificacións dos seus irmáns maiores:

  • Procesador: aínda que en ambos casos temos un procesador Qualcomm octacore a 1,4 GHz, no caso das versións “S” é un modelo un pouco máis antigo.
  • Bandas frecuencia: os VS / VS Plus perden as bandas de frecuencia de 4G internacionais (Latinoamérica). En Europa non temos problema algún e teremos acceso a 4G, pero se viaxamos a Latinoamérica unicamente poderemos navegar en 2G ou 3G, non en 4G.
  • GPS: os VS / VS Plus carecen de soporte a Galileo, unicamente levan GPS e Glonass. Ter soporte a Galileo é un plus importante, xa que fai que a ubicación sexa máis precisa, pero non telo pon a estes modelos ao nivel da meirande parte de dispositivos do mercado actual, que só teñen soporte para GPS e Glonass.
  • Protección IP52: Os VS / VS Plus non carecen desta protección fronte salpicaduras e pó.
  • Cargador: Os VS / VS Plus non levan cargador na caixa, os V / V Plus, como xa dixemos, si.

Que vos parece? Preferides aforrar uns euros e apostar por estes novos modelos ou apostar polas opcións completas?

Sobre o autor

Reply