Hai pola rede algunha brincadeira sobre como empregamos os nosos smartphones, máis potentes que os ordenadores con que se enviaron as primeiras misións ao Espazo, para simplemente lanzar paxariños enfadados. Mais, coñas fóra, en moitos casos é así.
Nos últimos tempos temos visto como diferentes misións espacias tiveron como protagonistas diferentes modelos de smartphone. De feito, a NASA, está a traballar na actualidade nun nanosatélite controlado por un Nexus One, o primeiro da saga Google.
Trátase do proxecto PhoneSat, centrado nun satélite de forma cúbica (10 x 10 x 10 cm) e menos de 2 kg de peso que incorpora o citado terminal Android sen modificar, mais cunha aplicación instalada deseñada para enviar información sobre o estado do propio dispositivo (temperatura, nível de batería, funcionamento dos sensores…).
As vantaxes de incluír dispositivos Android radican dunha banda no custe, xa que permiten levar a cabo a totalidade do proxecto por menos de 3000 euros e, sobre todo (e neste caso en concreto), na transmisión de resultados, que ao ser enviados á Terra por radiofrecuencia poden ser recibidos por calquera estación de radioaficcionado.
O primeiro dos satélites PhoneSat partirá o 25 de marzo. Tamén se está a traballar nun segundo modelo que, se todo sae segundo o previsto, despegará cara o Espazo no verán.