O mércores á noite asistimos á festa de presentación do LG G2, o terminal co que o fabricante coreano afronta o que queda de ano. O evento contou coa presenza dalgún famosete, como a modelo Malena Costa e o bailarín Brahim Zaibat, mais o protagonista da noite foi este dispositivo que marca un antes e un despois na traxectoria da compañía, xa que introduce numerosas innovacións como o botón único traseiro ou a activación con dobre knock (dándolle dous golpeciños na pantalla).
Desde xa mesmo está dispoñíbel no mercado libre cun PVR de 599 €, aínda que tamén no catálogo dos 4 operadores con rede (Movistar, Orange e Yoigo coa versión de 16 GB e Vodafone coa de 32 GB), e en dúas cores, branco e negro.
O deseño deste dispositivo, ademais de polo curioso do botón traseiro, destaca pola súa ergonomía e por lograr introducir unha pantalla de 5,2 polgas no mínimo espazo posíbel, eliminando practicamente os marcos. Ademais incorpora unha batería de 3000 mAh que otorga unha autonomía de 2 días sen moito esforzo.
O resto de especificacións destacábeis pasan por un procesador SnapDragon 800 de 4 núcleos a 2,26 GHz, 2 GB de RAM e cámaras de 13 e 2,1 megapíxeles.
Vén con Android 4.2.2 Jelly Bean actualizábel a próximas versións. Neste senso, desde LG amosáronse conscientes da importancia que teñen as actualizacións para os usuarios e indicaron que esta vai ser unha prioridade.