Un primeiro vistazo a Android L, a nova versión de Android

Unha entrevista a Sundar Pichai deixaba entrever que esta tarde veríamos unha nova versión de Android… e así foi. Aínda que será en outubro cando sexa presentado oficialmente, xa podemos falar de Android L, que estará dispoñíbel a partir de mañá para descargar en preview para os dispositivos Nexus desde esta ligazón.

Se hai un cambio importante nesta nova versión é na interface e, en xeral, na experiencia de usuario. Novas iconas, novas notificacións, novas animacións 3D e posibilidades de personalización case infinitas. Tamén nos chamou a atención as novas formas de desbloqueo, incluíndo a posibilidade de achegar un reloxo con Android Wear, o que realmente resulta moi cómodo.

notificacions

Aínda que non dixeron nada do teclado, chamounos atención o novo deseño, que semella moito máis limpo. De seguro que isto ha repercutir en ser máis preciso, como foi pasando nas últimas actualizacións.

teclado

Así mesmo, con Android L chega ART como máquina virtual predeterminada, o que supón a desaparición de Dalvik. Entre as melloras que isto supón destaca o rendemento do sistema, a mellora na xestión da memoria RAM e a plena compatibilidade cos sistemas de 64 bits.

project volta

Tamén hai que destacar o chamado Project Volta como sistema para optimizar o consumo de batería, permitindo que os nosos trebellos poidan pasar máis horas lonxe do cargador a costa de reducir os gastos do procesador e diferentes sensores, e Google Design, toda unha completa guía de patróns de deseño que se pode consultar nesta web.

design

Falar de Android L tamén é falar de seguridade, outro dos aspectos aos que Google está a prestar especial atención. Un dos movementos máis importantes neste senso é a integración de Samsung Knox dentro da Android Platform, o que permite diferenciar entornos de traballo persoais e de traballo.

Nas próximas horas iranse descubrindo novos detalles desta nova versión, que non será comercial até o outono, momento no que seguramente veremos o último dispositivo da saga Nexus.

Sobre o autor

No Responses

Reply