Antes do verán, a operadora galega Ocean’s anunciaba o lanzamento do 4G para setembro, aínda que finalmente a súa dispoñibilidade comercial retrasouse un par de meses. Desde esta semana está dispoñíbel para todas as clientas da compañía sen custe adicional.
Durante as últimas semanas Ocean’s estivo a facer probas de calidade, primeiramente polo departamento técnico da compañía e logo a través dun grupo de clientes a modo de betatesters. Unha vez comprobado o correcto funcionamento do servizo a compañía está a proceder a activalo paulativamente a todos os clientes.
As clientas de Ocean’s non precisan facer nada para poder empregar as velocidades 4G; a única condición é dispór dun terminal compatíbel e, por suposto, atoparse en zona de cobertura. Ao traballar coa rede de Orange pódense consultar as áreas onde está dispoñíbel neste mapa.
Ocean’s convírtese así no noveno OMV en contar con 4G no coxunto do Estado (logo de Jazztel, Pepephone, Ono, Tuenti, Simyo, Amena, Euskaltel e RACCTel), así como no primeiro galego, e faino sen subir os prezos. No punto oposto está R, que segundo soubemos esta semana teñen previsto unha suba dos seus produtos móbiles sen que supoña melloras nas condicións ou o lanzamento do 4G.