Hai unhas semanas Uber anunciou o seu regreso a Madrid, como un primeiro chanzo para que este popular servizo de transporte alternativo comece unha nova andaina polo Estado español, logo da suspensión cautelar que sufriu a compañía meses atrás.
Agora a empresa vén de anunciar que a súa frota de vehículos disporá de conexión WiFi a través de 4G, un servizo moi demandado polo perfil de usuarias que maioritariamente empregan os servizos de Uber: persoas que precisan conexión continua á rede polo seu traballo ou por diversión.
Esta conectividade ofreceralla Pepephone, a operadora virtual de baixo custo que desde hai uns meses opera baixo a rede de Movistar para dar o servizo de móbil. Grazas a este acordo as usuarias de Uber poderán conectarse á rede a través desta WiFi, e a velocidades que poden acadar entre os 30 e os 100 Mbps.