Até non hai moito tempo o negocio da fibra coaxial era cousa de catro: R en Galiza, Telecable en Asturias, Euskaltel en Euskadi e ONO no resto do Estado. Porén, nos últimos dous anos viveuse unha auténtica revolución no sector das telecos, que acabou coa integración de ONO en Vodafone e con R en mans de Euskaltel, entre outros.
Desde que Euskaltel adquiriu R, no verán de 2015, a compañía vasca non agochou o seu interese por Telecable, a última peza que lle permitiría facer un gran grupo de cable que dominaría case toda a cornixa cantábrica, desde Galiza a Euskadi, coa excepción de Cantabria, onde Vodafone é líder indiscutíbel.
A nova vense de confirmar. Tras unha longa e tranquila negociación, Zegona (o fondo de inversión que domina Telecable) e Euskaltel veñen de chegar a un acordo de integración, o que supón que Euskaltel pasa a ter o control absoluto das cableiras do norte.
Os principais puntos quentes da negociación a superar eran a valoración de Telecable e o papel a xogar por Zegona, fondo de inversión que controla Telecable, dentro do novo grupo. Esta última cuestión non é baladí, pois a diferenza de Caixanova, que se desfixo de R á primeira de cambio, Kutxabank (accionista referencial de Euskaltel) sempre tivo claro que a operadora vasca era a xoia da coroa.
O acordo fixa que Euskaltel fará unha parte do acordo en metálico a Zegona por importe de 686 millóns de euros e outra en accións de Euskaltel, por valor de 15 millóns máis. Deste xeito Zegona, pasa a ser o segundo máximo accionista, só por detrás de Kutxabank. Para poder levar isto a cabo o grupo vasco deberá facer unha ampliación de capital, que sería subscrita por Zegona pagando coas accións de Telecable.
Tras esta fusión, o Grupo Euskaltel (R, Telecable e Euskaltel) contará con algo máis de 600 traballadoras, e ingresará uns 750 millóns de euros anuais en concepto de vendas, ademais dos 360 millóns de ebitda.