LG fai oficial o LG G8 ThinQ e o LG V50 ThinQ con 5G

LG leva varios anos apostando polo Mobile World Congress para dar a coñecer os seus modelos da “serie G”. Este ano foi a quenda do LG G8 ThinQ, que se ben xa coñeciamos moitas das súas especificacións a través das filtracións das últimas semanas, non foi até hoxe cando quedaron ao descuberto todos os seus segredos.

O LG G8 ThinQ aposta por unha pantalla infinita de 6,1 polgadas, con resolución 1440 x 3120 píxeles (563 ppp) e unha relación de aspecto 19.5:9. Está protexida por Corning Gorrilla Glass e é compatíbel con HDR+.

A potencia vén dada polo procesador Qualcomm Snapdragon 855, que cmo xa vimos falando todos estes días é o que están a empregar case todos os fabricantes nos seus trebellos referenciais. Xunto a el temos dúas opcións de memorias, 6 GB de RAM con 128 GB ou 8 GB de RAM con 256 GB de interna, en ambos os casos ampliábeis mediante microSD de até 2 TB.

O apartado da fotografía é un dos máis coidados por LG neste novo dispositivo. Así, conta cunha cámara principal formada por dous sensores, un de 16 megapíxeles con apertura f/1.5, estabilizador óptico e autoenfoque láser, e outro de 16 megapíxeles con f/1.8. Na parte frontal, a cámara de selfies é tamén dual, formada por un sensor de 8 megapíxeles con f/1.8 e unha cámara TOF (Time Of Flight), que calcula a distancia ao medir o tempo de reforno da fonte de luz tras reflectirse no suxeito.

O son é outro dos aspectos nos que LG adoita destacar, e neste G8 non ía ser diferente. Leva son DTS X Surround Sound con audio de 32-bit/192 kHz e cancelación de ruído activa. O pouco que puidemos probar os dispositivos serviunos para comprobar que desde logo o multimedia é un aspecto no que o fabricante segue marcando a diferenza.

En canto ás opcións de conectividade, dispón de WiFi de dobre banda con WiFi Direct, DLNA, Bluetooth 5.0 con aptX e USB-C. Leva lector de pegadas dixitais na parte traseira e unha batería de 3500 mAh de capacidade con carga rápida e carga sen fíos.

Aspectos como a seguridade vense mellorados no novo móbil de LG coa integración da identificación polo sistema venoso, ademais da pegada dixital e o recoñecemento facial 3D. Así mesmo, o teléfono é quen de usar a man para moverse e seleccionar accións, así como o desbloqueo, tal e como podemos ver no anterior tweet.

Xa por último, se falamos de dispoñibilidade, o novo LG G8 ThinQ chegará en tres cores (vermello, negro e azul), pero polo de agora non quixeron desvelar o seu prezo.

LG V50 ThinQ, o primeiro modelo 5G

Pola súa banda, o LG V50 ThinQ é o primeiro modelo 5G da compañía, que poderán comezar a empregar as usuarias de Sprint en Estados Unidos e proximamente o de outros países de Europa e do resto do mundo, onde comezarán a acenderse as redes 5G ao longo do ano.

Dispón dunha pantalla FullVision de 6,4 polgadas con resolución QHD+ OLED e formato 19.5:9. No interior temos o procesador Qualcomm Snapdragon 855, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. Ademais dispón de 4000 mAh de capacidade de batería.

Como curiosidade, nunha semana na que coñecemos dous teléfonos flexíbeis (o Samsung Galaxy Fold e o Huawei Mate X), LG presume dunha opción máis económica e sinxela: a dobre pantalla en modo de funda.

Trátase dunha solución que achega un segundo panel OLED de 6,2 polgadas orientado á multitarefa, pensando nos xogos ou en calquera outro escenario que precise de máis espazo de visualización.

Sobre a súa presenza no noso país, polo de agora só está confirmada a chegada con Vodafone, aínda que non se sabe cando nin a que prezo.

Sobre o autor

Reply